A aula CeMIT de San Sadurniño acolle durante estes días un novo curso sobre o manexo das instalacións do centro de apoio ao medio rural A Fusquenlla, situado no recinto feiral de San Ramón, en Moeche. Trátase dunha acción formativa organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Ferrol na que participan 17 persoas interesadas nun proxecto promovido por Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño que cada vez está ampliando máis o seu radio de actuación coas miras postas en se converter en todo un referente comarcal para a transformación agroalimentaria. De feito, no curso -que durará até o próximo 11 de agosto- hai asistentes dos catro municipios, pero tamén das Somozas, Neda, Fene, Narón, Cariño, Ares e Vilarmaior. Mentres se continúa ofertando formación, os concellos promotores ultiman o modelo de xestión do centro para que poida ser utilizado pola pequena produción da zona, ben na elaboración de envasados destinados a autoconsumo ou ben para a súa venda en mercados de proximidade.
Segundo comenta a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, con este curso “serán xa cerca de 50 as persoas que recibiron formación vinculada ao centro, o que asegura que poida funcionar con regularidade”. Bascoy avanza a este respecto que os concellos implicados na Fusquenlla optaron por encomendarlle a coordinación inicial das instalacións á Agrupación Agroalimentaria do Eume despois de estudar distintas opcións.
“Sopesamos un modelo de xestión directa, que ten certa complexidade desde o punto de vista administrativo e de contratación. Por iso, cunha axuda da Deputación da Coruña, optamos por confiarlle á Agroalimentaria do Eume a posta en marcha”, explica a alcaldesa de Moeche, destacando ademais que a Agroalimentaria “é unha entidade que comparte a filosofía da Fusquenlla e que pode facer o labor de acompañamento e coordinación do centro mantendo a idea inicial de que estea ao servizo tanto de pequenos produtores e produtoras que comercialicen como daquelas que só queiran elaborar para a casa. Tamén debemos ter en conta que a Agroalimentaria do Eume conta con longa experiencia na produción e comercialización de produtos de calidade, ademais de ter aberto xa un amplo mercado para os produtos locais”.
Pola súa banda, o concelleiro de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Manolo Varela, engade que os concellos implicados traballan coa expectativa de que das instalacións “poida estar saíndo produto para o mercado antes do remate do ano”. Varela precisa que para daquela deberán “estar reguladas condicións de uso e os prezos” e recalca que todas as persoas usuarias terán que pasar antes polos cursos de capacitación sobre seguridade alimentaria e sobre o manexo dos equipamentos dispoñibles.
Unha destas accións formativas é a que se está impartindo estes días en San Sadurniño coa participación de preto dunha vintena de persoas. Ten unha duración de 60 horas teóricas e prácticas centradas na hixiene e manipulación de alimentos, na limpeza dos espazos de traballo, na prevención de riscos laborais, na posta en funcionamento e utilización da maquinaria existente na Fusquenlla, no control e trazabilidade do produto e nas técnicas de transformación de produtos hortofrutícolas.
O alumnado procede de toda a comarca, habida conta de que, segundo explica Manolo Varela “A Fusquenlla espertou un grande interese entre as produtoras e produtores de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño, pero tamén entre xente doutros municipios. Dun centro enfocado ao ámbito local dos catro concellos, pouco a pouco, estamos pasando a un proxecto maior, con vocación comarcal. A Fusquenlla é un recurso que, con toda seguridade, axudará a estruturar a pequena produción e que lle facilitará acceder aos mercados de proximidade ou a aqueles máis lonxanos que valoran a calidade”.
O sistema para acceder aos cursos formativos segue sendo o mesmo co que arrancou o proxecto. As persoas interesadas poden atopar información na súa web e tamén un formulario de preinscrición en liña. As peticións vanse atendendo por orde a medida que se organizan accións de capacitación dándolle entrada a entre 15 e 20 participantes en cada unha delas.
O curso ofrecido estes días organizouse coa colaboración da Oficina Agraria Comarcal de Ferrol, dentro das actuacións da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellaría do Medio Rural financiadas a través do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, con fondos europeos FEADER canalizados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Últimos comentarios