O Concello e maila Dirección Xeral de Xuventude traen ata Moeche un curso de condución segura para a mocidade de entre 18 e 30 anos. A actividade terá lugar no recinto da feira durante todo o sábado 14 de setembro e nela tocaranse unha chea de aspectos, desde a maneira de sentar ao volante até o xeito de recuperar a traxectoria se o coche quere atravesarse. Serán contidos teóricos e maioritariamente prácticos repartidos en dúas quendas de catro horas e media de duración, unha de mañá e outra de tarde con dez prazas dispoñibles en cada unha delas. As inscricións poden facerse desde xa mesmo a través do 981 404 006 ext.2 ou do correo pilar.pazo@moeche.gal. Trátase dunha proposta totalmente gratuíta na que terán preferencia de acceso os mozos e mozas empadroadas en Moeche.

Os únicos requisitos para participar son o de ter entre 18 e 30 anos e dispoñer do carné de conducir. O demais -profesorado, material didáctico e coches- corre por conta do Concello, quen obtivo unha subvención de 3.000 euros da Dirección Xeral de Xuventude para levar a cabo a iniciativa. O seu obxectivo  é fomentar entre a xente nova a responsabilidade e a seguridade ao volante, dándolles para iso consellos moi útiles sobre como previr accidentes, pero tamén os coñecementos necesarios para evitalos se se dá algunha circunstancia de perigo.

Na parte teórica falarase sobre a posición de condución, o correcto manexo do volante, analizaranse as forzas ás que está sometido un vehículo en circulación, o seu comportamento ante cambios de traxectoria ou freadas bruscas e os sistemas de seguridade activos e pasivos cos que contan hoxe a maioría dos coches. Ademais tamén se verá por que se producen as situacións de subviraxe  e sobreviraxe  -que o coche vaia de morros ou que se vaia de atrás nunha curva- e como saír delas xogando coa dirección e o acelerador.

Todos estes aspectos abordaranse mesturados con exemplos prácticos onde as rapazas e rapaces poderán ver en primeira persoa como reacciona o vehículo en determinadas condicións e, ao mesmo tempo, aprender a levalo de maneira segura e eficiente. Así, tanto a sesión da mañá como a da tarde teñen unha mesma estrutura: 45 minutos iniciais de teórica, logo 1 hora de exercicios combinados de slalom e freada asimétrica, outra hora máis alternando freadas con esquivas e curvas deslizantes e, para rematar, unha última hora de trazados de condución cos sistemas de seguridade -ABS, CT e ESP- activados.

A primeira quenda, a da mañá, desenvolverase entre as 09.00h. e as 13.30h., mentres que a da tarde está programada de 15.00 a 19.30h. Tal e como comenta Beatriz Bascoy, o curso “non é para aprender técnicas de condución extremas, senón para reforzar coñecementos que permitan levar o coche con maior seguridade. Nas autoescolas, cando se saca o carné, fálase de moitos conceptos que rara vez temos a oportunidade de poñer en práctica. Neste curso a mocidade poderá ver como se comporta o coche en distintas condicións e aprenderá a reaccionar ante situacións perigosas, aínda que se lles insistirá máis que nada en que cómpre guiar con sentido e respectando as normas de circulación”.

Esta acción formativa estará impartida por PTC Escola de Perfeccionamento e Técnicas de Condución con profesionais e medios propios.  Ten un custo por participante de 150€, asumidos polo Concello a través da achega da Xunta. As 20 prazas ofertadas -10 e 10- cubriranse por orde de solicitude dándolle prioridade a aquelas mozas e mozos empadroados en Moeche. Para obter información ou para apuntarse hai que chamar ao 981 404 006 ext.2 ou enviarlle un correo a pilar.pazo@moeche.gal.