Todo está a punto para que Moeche volva vivir este domingo 23 de abril a súa maior feira do ano. Un evento protagonizado polo mundo ecuestre que promete superar todas as marcas de asistencia, habida conta do elevado número de solicitudes recibidas polo Concello para participar nas distintas probas que se van desenvolver ao longo da xornada. En total confirmáronse 223 inscricións, medio cento máis que en 2022, ano de regreso da feira trala interrupción pandémica. En Moeche agárdanse moitas monturas, pero tamén unha chea de xente que acudirá como público, facer compra de produto da terra, gozar do polbo e o churrasco e, en todo caso, somerxerse no ambiente dunha cita tradicional -unha das máis concorridas de Galicia- que mantén intacto o seu carácter xenuíno. A única incógnita é o tempo atmosférico, que de momento non se aclarou sobre como vai vir, aínda que hai moita probabilidade de que tamén sexa aliado do San Xurxo. Para que todo vaia sobre o previsto, o Concello preparou un amplo dispositivo organizativo e de seguridade con tres obxectivos: que o desenvolvemento das probas se axuste ao programa, que haxa unha boa mobilidade na contorna do centro urbano e garantir unha rápida resposta ante calquera incidencia que poida producirse.

O recinto feiral de San Ramón empezará a recibir cabalos e eguas desde ben cedo, sexa para participar nos concursos ou para someterse ao tradicional trato -cousa tamén digna de presenciar- en que moitos dos animais cambiarán de mans. No tocante ás probas, a organización comezará a medir as alzadas a partir das 8:00h, co obxectivo de verificar que a estatura dos équidos coincide cos dous grandes grupos de competición, un para animais de ata 1,5 metros de altura á cruz e outro para os que sobrepasen esa medida.

A idea é ter rematadas as medicións e a comprobación doutra documentación sobre as 9:30h, para iniciar a partir das 10:00h os concursos que irán sucedéndose a distintas horas ao longo da mañá: andadura chapeada, andadura serrada e trote. O Concello destina máis de 5.000 euros a premios entre trofeos e cantidades en metálico -que van dos 75 aos 300 euros- para recompensar a habilidade daqueles cabaleiros e cabaleiras que certifiquen os mellores tempos co menor número posible de penalizacións.

Todas as persoas inscritas recibirán ao longo deste xoves un correo electrónico coas normas e horarios das probas contra o reloxo. A orde de participación publicarase mañá venres nas redes sociais municipais. O domingo, durante o desenvolvemento das probas, a pista só estará aberta para participantes -non se permitirán as carreiras libres-, quen disporán duns minutos de quecemento e para recoñecer o trazado antes de cada competición. Iso si, cando finalicen todos os concursos a entrada na pista será libre para quen queira pasear por ela, sempre coa máxima precaución e respectando o sentido da marcha.

Levar premio en Moeche é toda unha fachenda, e máis aínda co elevado número de inscricións rexistrado este ano. 223 en total: 69 en andadura chapeada, 127 en serrada e 27 en trote. Cómpre ter en conta, ademais, que situarse nos primeiros postos aumenta considerablemente o prestixio das monturas ganadoras e da súa descendencia, algo que supón un valor engadido para quen as cría e adestra.

Outro dos alicientes da xornada será o espectáculo de danza “Duende ecuestre” que terá lugar ao lado do Polideportivo Municipal a partir das 17:00h. Trátase dunha actuación benéfica a favor da Asociación Española de Esclerose Lateral Amiotrófica. As entradas poden retirarse ata este venres ás 14:00h na Casa do Concello ou o propio domingo no acceso ao pavillón, ao prezo de 12€ as persoas adultas, 8€ rapazada de 5 a 8 anos e de balde para crianzas ata 5 anos.

Accesos e aparcadoiros
O 23 de Abril será unha boa oportunidade de alentar o ambiente dunha feira de longa tradición na que ademais de cabalos tamén atoparemos toda a variedade habitual de produto fresco e elaborado, ferramentas, roupa, churros, polbo e churrasco. Con todos estes ingredientes, e por caer nun domingo que seguramente veña enxoito, cabe agardar que Moeche atraia centos de visitantes durante todo o día.

O Concello conta para o evento coa colaboración de persoas pertencentes á Asociación Ecuestre 23 de Abril (a entidade agarda volver ser organizadora principal en 2024, unha vez finalice a remuda da directiva) e dun bo número de veciñas e veciños que botan unha man nos preparativos ou cedendo terreos. O Goberno local tamén implicou na loxística aos concellos das Pontes, San Sadurniño, Cerdido, Valdoviño, Neda e Ortigueira que achegan materiais ou as súas respectivas agrupacións de Protección Civil, coordinadas en colaboración co dispositivo especial previsto pola Garda Civil.

O acceso ao recinto feiral e a súa contorna inmediata estará limitado só aos postos participantes na feira, así como a residentes e titulares de negocios da zona, que poden retirar os seus pases na Casa do Concello. Desde a noite do sábado ata a noitiña do domingo da feira permanecerán pechadas a rúa da Feira desde o cruzamento de Casa Sixto até o comezo da baixada cara a San Xoán, a rúa 23 de Abril desde Agromera ata a Casa do Concello, a estrada provincial DP-4901 entre a capela de San Ramón e máis adiante de Pensos Pazo (esta xa pechará o sábado ás 17:00h) e a pista de subida desde a estrada de Ortigueira ata o campo da festa de San Ramón.

O principal acceso -desde a AC-862- será circular, entrando por diante do colexio público e saíndo pola rúa 23 de Abril. Ao longo dese percorrido habilitaranse oito zonas de estacionamento gratuíto para o público asistente. Ademais preto da capela de San Ramón haberá dous aparcadoiros para camións e na parte inferior da estrada  provincial, nas inmediacións de Pensos Pazo, hai reservadas tres zonas para remolques, aínda que unha delas só se empregará no caso de que non chova.