O Concello de Moeche súmase un ano máis á campaña De Fronte da Deputación da Coruña, un movemento que busca frear o avance dos discursos de odio, o conservadurismo relacional e o uso violento das novas tecnoloxías, tal e como amosan as mensaxes reais reproducidas nos materiais da campaña. Neste contexto, Moeche reafirma o seu compromiso cun futuro en igualdade e lembra que, cando non participamos na conversa pola convivencia, outras voces ocupan o espazo.

Este 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia Machista, a escola será o centro da xornada. O alumnado do CEIP San Ramón, que leva semanas reflexionando sobre igualdade, bo trato e convivencia, e elaborou os lemas do tradicional Concurso contra a Violencia Machista. A alcaldesa, Beatriz Bascoy, e a bibliotecaria municipal, Pilar Pazo, serán as encargadas de entregar os recoñecementos a estas mensaxes creadas pola infancia, unha voz clara e necesaria para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, e tamén gozarán dos contos de Mulleres de Pedra con María da Pontragha.

O Concello lembra, tal e como recolle a declaración institucional acordada en xunta de voceiras polos grupos da corporación municipal, que o 25N é unha data para lembrar ás mulleres que sufriron violencia, recoñecer a quen rompeu o silencio e actuar desde todos os ámbitos para que esta violencia desapareza. Reivindícase tamén o apoio ás mulleres que atopan máis barreiras —maiores, migrantes, con discapacidade ou dificultades lingüísticas— e sublíñase que negar ou relativizar a violencia machista contribúe á súa persistencia.

Co programa deseñado e coa adhesión á campaña De Fronte, o Concello de Moeche anima á veciñanza a implicarse e a facer propio este compromiso. Porque erradicar as violencias machistas non é tarefa dun día nin dunha institución: é responsabilidade de toda a sociedade.

Info da campaña: defronte.gal