Faltan pouquiños días para que a Nave do Mercado de Moeche se encha cos aromas, sabores e texturas do rei queixo, produto ao que se lle adica a quinta edición dunha feira monográfica xa consolidada como referente comercial e gastronómico do circuíto agroalimentario galego. A experiencia acumulada e o éxito da convocatoria levan ao Concello a manter a estrutura xeral que tan ben lle funcionou nos últimos anos, aínda que introducindo algunhas novidades orientadas a un mellor aproveitamento do espazo dispoñible e a unha maior atención ao público profesional, sen descoidar o non especializado. Este ano confirmaron a súa asistencia 44 postos dos que 33 terán á venda queixos de todas as clases e outros transformados lácteos. De novo estarán presentes as denominacións de orixe galegas xunto coas especialidades chegadas doutros puntos do Estado e do mundo, como é o caso dos queixos asturianos -entre eles o Gamonéu-, os procedentes de Castela-León, os italianos, suízos e franceses e, por último, o queixo vasco de Idiazábal, que acode a Moeche como D.O. convidada na presente edición. A V Feira do Queixo de Moeche desenvolverase durante toda a xornada do domingo 15 de marzo ofrecendo, ademais, unha chea de actividades complementarias dentro do programa, entre elas o concurso de receitas, as catas comentadas, obradoiros para a rapazada, múxica, maxia e incluso visitas guiadas e gratuítas ao castelo de Moeche.

Quen non queira traer o coche poderá acudir ao evento no Tren do Queixo, un servizo ferroviario especial que sairá da estación de Ferrol ás 10.45h. facendo paradas no percorrido até Moeche -haberá autobús agardando para facer o traslado á feira, sobre as 11.30h.- e con tres horarios de regreso: ás 14.00h., ás 17.25h. e ás 19.15h. Os tempos combinaranse para aproveitar o transporte con destino ao castelo para facer as dúas visitas programadas, unha de 12.00 a 13.00h. e outra de 13.00h a 14.00h. A recollida dos grupos farase diante da porta da nave.

A feira abrirá ás 10.00h. nun recinto que ofertará produtos da terra e elaborados -pan, sobremesas, empanadas, mel, etc.- cun indiscutible protagonismo para o queixo e os derivados do leite. O Concello deseñou un percorrido en S empezando pola marxe dereita do recinto mirando desde a porta principal. Nese percorrido atoparemos en primeiro lugar queixos galegos -15 en total- que, xa no corredor central, lle cederán o espazo ao produto chegados de fóra alternado con outras delicatessen da máxima calidade. A banda esquerda da nave, xusto detrás da zona de bar, resérvase de novo para outras 8 queixarías galegas, de maneira que o produto de aquí arroupe como bo anfitrión ao que vén de lonxe.

Entre a oferta galega atoparemos alomenos sete queixos premiados, tanto representativos das denominacións de orixe como novas especialidades que apostan por diversificar sabores partindo de leites de vaca, cabra e ovella da máxima calidade. A feira ten, de feito, a finalidade de ser escaparate deses tipos de produto que combinan materia prima, saber, tradición, procesos sostibles e innovación como factores clave para se posicionar nun mercado diverso onde hai cabida para elaboracións de alto valor engadido.

Outra das claves é a diversificación, algo que levan anos poñendo en práctica en Lácteos Goine, quen asiste á V Feira do Queixo como convidada e representante da D.O. Idiazábal (Euskadi). O seu produto estrela é este queixo curado e moi potente producido na súa maioría con leite de ovella latxa. Porén, Lácteos Goine evolucionou cos tempos ampliando a súa oferta con leite pasteurizado, iogures, queixo tenro e fresco, queixo en rulo e mesmo unha variante con trufa negra. Os seus produtos valéronlle para colleitar nos últimos anos ata unha ducia de medallas nos World Cheese Awards.

Moito para comprar, para probar e para aprender
A variedade é unha constante na feira monográfica de Moeche. Os postos adoitan ofrecer a proba do que venden co obxectivo de seducir os padales do numeroso público que se agarda. A cada ano o evento aumentou exponencialmente o número de visitantese e, ante a previsión de que esa constante se repita neste 2020, o Concello decidiu aproveitar ao máximo o espazo dispoñible. De feito, as últimas solicitudes rexistradas xa non obtiveron praza e os obradoiros infantís trasladaranse a unha carpa anexa. A xente miúda terá ás 11.30h. unha sesión de moído de pementón, ás 12.00h. aprenderán a facer chocolates e ás 12.30h. e 16.30h. poderán muxir e elaborar queixo coas súas propias mans.

Para público adulto organizáronse dúas catas comentadas, unha ás 12.00h. e outra ás 13.00h., con 20 prazas dispoñibles en cada unha delas. Degustaranse catro queixos acompañados de viño, ao tempo que se descubrirán os seus matices con axuda do experto Alejandro Montes, da Queixaría Valladares de Vigo. O prezo da participación nas catas son 5€ e deberase reservar antes do comezo de cada sesión.

Montes tamén se encargará de coordinar, axudado por Xesús Mazaira (Queixaría Airas Moniz), o encontro profesional previsto para as 16.00h., aberto a gandeirías e queixarías. A cita concíbese como un foro dirixido a aquelas empresas que queiran dar o paso da venda de leite ao da transformación, pero tamén como lugar de intercambio de ideas e coñecementos entre queixarías que xa acumulan anos de experiencia.

IV Concurso de receitas
Outro dos referentes da feira será o concurso de receitas, no que se premiarán os dous mellores pratos salgados e doces que teñan o queixo como ingrediente principal en calquera variante -fresco, cremoso, semicurado, curado, etc.-. O xurado valorará de 0 a 5 o sabor, a presentación, a orixinalidade da proposta e a relevancia do queixo no conxunto.

Os galardóns consistirán nun paquete turístico e unha figura para os dous pratos ganadores e un lote de produtos da feira e un diploma para os segundos clasificados en cada categoría. As persoas que queiran participar deberán achegar as súas creacións entre as 11.30 e as 12.00h. e só por achegar un prato xa levarán un pequeno agasallo. As bases poden descargarse desde aquí.

Música, maxia e sorteos
O programa da V Feira do Queixo de Moeche completarase con outras actividades de animación do evento. O dúo Tonichi & Pacheco actuará ás 13.30 e ás 16.30h. Polo medio e xusto antes da clausura, ás 14.00 e ás 18.30h., faranse dous sorteos de lotes de produtos da feira. Os tiques para entrar na rifa entregaranos nos postos con cada compra. Cómpre mencionar tamén o espectáculo familiar de maxia “Nada por aquí, nada por alá! E o coello onde está?” que comezará ás 17.30h. da man da parella formada por Elisa Alfaya e Ian Hamilton -www.sombrasmagicas.com-, quen levan percorrido medio mundo con números de maxia de preto certamente abraiantes.

Por outra banda, desde o Concello tamén se solicitou a colaboración da hostalaría local de cara a que o propio domingo 15 de marzo inclúan na súa oferta de petiscos e menús elaboracións a base de queixo.

Presentación en Ferrol o xoves que vén
Aínda que hoxe empece a dárselle difusión ao programa completo da feira, a área de Desenvolvemento local ten previsto facer unha presentación oficial o próximo xoves día 12 a partir das 11.30h. no restaurante – viñoteca Casalexo, situado na rúa Pardo Baixo de Ferrol.

No acto participarán a alcaldesa, Beatriz Bascoy, A concelleira responsable da área, Cristina García, e representantes da Gandaría Lavandeira e de Lácteos Moeche, que colaboran na organización da feira. Tamén se lle enviou convite ao Vicepresidente da Deputación da Coruña e encargado provincial de Turismo, Xosé Regueira, e á Directora Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Sol Vázquez.

 

PROGRAMA DA VI FEIRA DO QUEIXO DE MOECHE

10.00 Apertura da Feira

10.45h. Saída do Tren do Queixo desde Ferrol

11.30 Obradoiro infantil de elaboración de queixo
           Obradoiro infantil de elaboración de pementón
           Chegada do tren do queixo

11.30 a 12.00 Recollida de pratos do concurso de cociña

12.00 Cata comentada
           Obradoiro infantil de elaboración de bombóns
           Saída do autobús para visita ao Castelo

12.30 Discurso de benvida
          Obradoiro infantil de elaboración de queixo

13.00 Cata comentada
           Saída do autobús para visita ao Castelo

13.30 Actuación musical Dúo Tonichi & Pacheco

14.00 Sorteo produtos da feira
           1ª viaxe de regreso a Ferrol do Tren do Queixo

16.00 Encontro profesional de queixarías e gandarías

16.30 Actuación musical Dúo Tonichi & Pacheco
          Obradoiro infantil de elaboración de queixo

17.00 Entrega de premios do IV Concurso de cociña con queixo

17.25 2ª Viaxe de regreso a Ferrol do Tren do Queixo

17.30 Espectáculo de Maxia para toda a familia

18.30 Sorteo produtos da feira

19.15 Última viaxe de regreso a Ferrol do Tren do Queixo

+Información:
Obradoiros infantís: as persoas interesadas deben presentarse na carpa e admitiranse por orde de chegada. O obradoiro de pementón estará aberto todo o día.
Catas: o prezo da cata é de 5 euros (4 queixo + 1 viño) As persoas interesadas deberán reservar a súa praza con antelacion na zona destinada ás catas. Máximo 20 persoas por cata.
Autobús ao castelo: transporte gratuíto con saída do recinto feiral nas horas sinaladas. A visita durará 1 hora aproximadamente.
Concurso de receitas: as persoas interesadas poden presentar a súa creación o dia da feira de 11.30 a 12.00h.
Premios:
1º de cada categoría: paquete oferta turística e Irmandiña
2º de cada categoría: lote de produtos da feira e diploma