O Club de Montaña Moeche organiza na mañá deste domingo a segunda edición do trail e da andaina con saída e chegada no castelo. Ao peche das inscricións, a entidade rexistrou 347 solicitudes admitidas ás que cómpre engadirlles cerca de 40 máis que se encontran en lista de agarda, ansiosas por poder acceder a un trazado circular  que, no caso da carreira, transitará por 16,5 quilómetros de pistas e carreiros de dificultade moderada e un desnivel positivo de 729 metros. A andaina desenvolverase sobre unha distancia de 12,5 km e 470 m de desnivel positivo, aínda que ben doados de percorrer se se ten o hábito de camiñar. A saida das probas está programada para as 10 da mañá en dúas quendas, aínda que a recollida dos dorsais poderá facerse desde as 8:30h dentro do castelo.
Ambos trazados sucan lugares de grande riqueza natural e paisaxística, ofrecendo ademais vistas espectaculares e, en resume, unha fantástica oportunidade de gozar do aire libre cadaquén aos seu ritmo, de aí que o trail se acompañe dunha andaina algo máis curta e con menor desnivel.
A saída para a camiñada de vagar polo territorio darase ás 10:00h para cubrir 12,5 quilómetros. No documento de guía publicado polo Club de Montaña Moeche recoméndaselles ás persoas participantes -96 en total- que traian roupa e calzado axeitados, ademais de indicar que durante o percorrido haberá dous puntos de avituallamento, un de líquidos a 1,5 km da saída e outro completo -froita, doces, bebida- a metade de camiño. Tamén se lles lembra que o seu camiño será compartido co do trail e que se debe procurar non obstaculizar o paso das corredoras e corredores.
Media hora despois, ás 10:30h, tomarán a saída as 247 persoas anotadas no trail. Por diante terán 16,5 quilómetros cun perfil que encadea cinco ascensos -e outras tantas baixadas- que supoñen un desnivel positivo de 720 metros. De feito, os dous primeiros quilómetros serán costa arriba e, ademais, aos 800 metros da saída a ruta encáixase nun carreiro que obrigará a ir en ringleira. Anticipando estes dous detalles, a organización aconsella dedicarlle tempo a quecer e estirar antes da saída e, tralo comezo, procurar coller posición antes de chegar ao funil do percorrido.
O resto da proba irá por zonas con algo de lama e auga, “pero non moi técnico e que se pode correr ben”, apuntan desde o club organizador. Igual que na andaina, aquí tamén haberá avituallamento: líquido aos 5 km da saída e líquido e sólido aos 10.
Todo o circuíto estará balizado e sinalizado para que non haxa perda. Con todo débese ter en conta que se cruzará en dúas ocasións a estrada provincial DP4904, que non estará cortada ao tráfico. Neses puntos situarase persoal da organización e de Protección Civil para regular o paso de vehículos.
Calcúlase que a entrega de trofeos poida comezar a iso das 12:30h e que sobre as 13:00h se empecen a repartir as racións de comida na carpa situada no adro da igrexa de San Xurxo, a escasos metros da meta. De par da carpa estarán situadas as duchas, abertas desde as 12:00 en que se agarda que empecen a chegar os primeiros corredores e corredoras.
As persoas participantes tamén disporán nas inmediacións de servizo de bar -a maiores da Taberna Irmandiños- e, dentro do castelo, aseos, gardaría infantil e fisioterapia gratuíta grazas á colaboración da clínica Fisio-Che Ben. Canda esta firma tamén colaboran co evento Lácteos de Moeche, Supermercado O CruceSupermercado MoechePanadería Santa CruzPanadería AmadorPanadería Miguel e Ámbita Oficina Técnica. O evento conta con apoio da Deputación da Coruña e do Concello de Moeche.