A piscina municipal abrirá as súas portas o vindeiro 23 de xuño ata rematar a tempada o 8 de setembro. Se ben a piscina abre ao público o domingo 23, o sábado 22 xa a poderán visitar as nenas e nenos da escola de Moeche coas súas familias, para gozar dunha xornada festiva de despedida do curso, organizada pola ANPA do CEIP San Ramón en colaboración co Concello. Pódense solicitar os abonos de tempada a partir do luns 10 de xuño.

Chega o verán e volve abrir a piscina municipal. Estas semanas previas desenvólvense os labores de baleirado e limpeza do vaso, foxa, posta a punto da maquinaria, así como o acondicionamento e limpeza dos diferentes espazos e outros. Esta tempada de verán comeza o 23 de xuño e remata o 8 de setembro, ambos os días incluídos co seguinte horario:

Luns a venres Sábados, domingos e festivos
Xuño 16 a 21.00h 14 a 21.00h
Xullo e agosto 15h a 21.00h 14 a 21.00h
Setembro 16 a 20.00h 14 a 20.00h

As entradas para días soltos poden mercarse no ambigú da propia piscina. Os abonos hai que solicitalos a partir do  luns 10 de xuño na Casa do Concello, en rexistro xeral, de luns a venres en horario de 9 a 14.00 ou na sede electrónica do Concello: www.moeche.gal. O carné de acceso entregarase despois de presentar toda a documentación requirida. A folla de solicitude de abono pode descargarse nos enlaces ao final deste texto ou ben recollerse na Casa do Concello. Para a veciñanza de Moeche manterase unha reserva dos abonos durante os primeiros días -do 10 ao 14 de xuño- o 75% dos abonos dispoñibles. A documentación que se debe presentar para solicitalos é unha copia do DNI da persoa aboada, unha foto tamaño carné e o xustificante do pagamento da taxa e, por suposto, cubrir a ficha correspondente. Pode solicitarse  información no Concello ou ben enviándolle un correo a daniel.feijoo@moeche.gal.

Os prezos, actualizados no último pleno ordinario, inclúen como novidade o menor custe para os grupos escolares ou de campamentos.

Cota de entrada pública
Menores de 3 anos gratis
Infantil (ata 12 anos) 2,00€
Entrada xeral (máis de 12 anos) 3,00€
Grupos de alumnado de educación infantil, primaria ou especial ou de campamentos de verán de fora da localidade (máis de 5 persoas) 1,50€
Abono de tempada
Infantil (ata 12 anos) 15,00€
Persoas de máis de 12 anos 30,50€
Familiar (ata 4 persoas*) 58,50€
Familiar (a partir da 5ª persoa*) 12,00€

* As persoas usuarias que integren o abono familiar deberán ter unha vinculación directa entre elas, por afinidade o consanguinidade de 3º grao (avós/as, pai/nai, fillos/as, irmá/a, tíos/as, sobriños/as, bisavós, bisnetos)

Descarga a documentación en formato pdf pinchando sobre o nome:

Ficha bono infantil

Ficha bono adulto

Ficha bono familiar