Moeche vivirá na xornada deste sábado 15 de xullo unha auténtica festa do motor coa celebración do oitavo Slálom Concello de Moeche, que este ano reunirá 66 pilotos participantes nos distintos apartados da proba, puntuable para o Campionato Galego. O slálom, organizado pola Escudería Moeche, comezará ás 7:00h coas verificacións técnicas e de documentación. Sobre as 9:30h arrancarán as dúas mangas de adestramento e a competición propiamente dita desenvolverase xa pola tarde, a partir das 16:30h, sobre un trazado polo recinto feiral e as principais rúas do centro urbano. Por mor dos labores organizativos e de preparación do circuíto, a zona estará cortada ao tráfico desde as 18:00h do venres até as 12:00h do domingo, aínda que as persoas residentes disporán de espazo reservado para aparcar. O Concello de Moeche colabora coa escudería por medio dun convenio nominativo de 3.000 euros e, a maiores, tamén bota unha man na loxística xestionando a achega de valados perimetrais -cedidos por Navantia-, a asistencia de varias agrupacións de Protección Civil e a disposición dunha motobomba e un camión con guindastre emprestados por San Sadurniño.
O último programa horario publicado pola organización adiantou o inicio das verificacións técnicas e administrativas ás 7 da mañá, co obxectivo de telas completadas pouco despois das 9:00h para sacar o listado definitivo de vehículos que poderán tomar a saída. Se o cronograma vai sobre o previsto, agárdase comezar coas mangas de proba a iso das 9:30h. “Calculamos que cada manga de adestramento dure aproximadamente 2 horas e 45 minutos. Pararemos sobre as 15:00h para xantar algo e sobre as 16:30h comezarán as mangas oficiais. Son dúas, unha a continuación da outra, para coller xa os tempos tanto da scratch como das distintas agrupacións”, explica o concelleiro de Deportes, Moisés García.
O edil, que tamén preside a escudería organizadora e é membro da nova directiva da Federación Galega de Automobilismo, destacou a alta participación -66 pilotos, algúns/has utilizando o mesmo vehículo, pertencentes a 13 escuderías- o que obrigou a ampliar o programa horario con respecto a anteriores edicións. Neste sentido, a competición por ver quen rexistra os mellores tempos nas mangas da tarde prolongarase até practicamente as 22:00h e, segundo a última planificación -modificada este martes-, está previsto que as clasificacións se publiquen media hora despois e que os premios poidan entregarse ás 23:00h.
Na Xeral Scratch levarán trofeo e cantidade en metálico desde o 1º até o 6º clasificado (repartiranse 930 euros en total). Hai trofeos, ademais, para os tres primeiros postos de Agrupación e para o mellor tempo en Iniciación –Trofeo Galrecambios– e en Debutantes –Trofeo Cadena Ser-. No apartado dos galardóns tamén houbo modificacións sobre o regulamento inicial, coa inclusión do Trofeo Motrio, Motor Ortegal para a mellor clasificación en vehículos históricos (matriculados ata 1981, incluído); do Trofeo A Tenda de Iria, para a participante feminina mellor posicionada na clasificación xeral; e tres trofeos Escudería Moeche para os membros da entidade que acaden os mellores tempos no slálom.
Corte do tráfico en San Ramón
A zona acoutada para a proba, as áreas de aparcadoiro e os accesos recomendados poden consultarse na web da Escudería Moeche xunto coas rúas do centro urbano que permanecerán cortadas desde as 18:00h do venres ata as 12:00h do domingo. As persoas residentes terán espazo reservado entre a capela de San Ramón e o estanco para deixaren alí os seus coches.
A alcaldesa, Beatriz Bascoy, informou a través dun bando das restricións ao tráfico en San Ramón. Nel solicítase a colaboración da veciñanza para o desenvolvemento da proba, ao tempo que se lle piden desculpas polas molestias que poida ocasionar. Pola súa banda, o responsable municipal da área de Deportes tamén quixo agradecer a implicación “do Concello, da Deputación, da Xunta de Galicia, da FGA e doutras institucións e firmas comerciais”, ademais de recalcar “o importante labor” das 75 persoas voluntarias que colaboran en distintas tarefas organizativas e deportivas.
O Concello de Moeche contribúe ao slálom tanto desde o punto de vista da loxística -valados, autorizacións, xestión de Protección Civil e de equipamento, etc.- como no económico, por medio dun convenio nominativo asinado hai uns días que lle suporá á Escudería Moeche unha achega económica de 3.000 euros.
-Lista de inscricións
-Programa horario (modificado)
-Publicidade obrigatoria proposta pola organización
-Oficiais
-Planeamento relación participantes
-Premios e trofeos (modificado)
-Regulamento particular
Últimos comentarios