Trala exitosa inauguración do pasado 30 de decembro, o Mercado de Moeche empeza a funcionar este sábado xa con carácter regular. Entre as 10.00h. e as 14.00h. o público poderá atopar na nave dos tecidos da feira unha ampla e variada oferta de produtos de calidade, procedentes na súa maior parte de pequenas explotacións do concello e arredores. Verdura, legumes, froita, embutidos, lácteos, pan, empanadas, doces, peixe fresco, flores e agasallos conforman o xénero dispoñible nun mercado que, ademais, contará con actividades paralelas para a rapazada e a posibilidade de tomar  chocolate con  churros servido pola Asociación veciñal Val de Moeche. 

O Mercado de Moeche conta con 8 postos distribuídos pola zona da nave dos tecidos acondicionada como espazo comercial. O deste sábado será o primeiro día dun mercado normal que abrirá unha vez por semana, agás os sábados que caian en festivo ou que coincidan con feira do 11 ou do 23. As expectativas sobre a afluencia de público son boas, tal e como se apunta desde a alcaldía, posto que “haberá moita oferta, dunha calidade excepcional e nun entorno acolledor que convida a mercar”, explica Beatriz Bascoy.

A oferta de produtos -alimentos frescos e transformados, queixos, pan, flor, artesania, etc.- compleméntase no Mercado de Moeche con oferta cultural. De feito, a partir das 11.30h. haberá unha sesión de contacontos para nenas e nenos que rematará co reparto de larpeiradas entre  a cativería participante.

Outro dos trazos diferenzadores do mercado é a dispoñibilidade dun espazo gastronómico onde se poderán probar todo tipo de produtos alimentarios. O Concello sacará a licitación nos próximos días a xestión deste equipamento -composto por unha grande barra e mesas con cadeiras- que, segundo a alcaldesa, “axudará a dinamizar o recinto tamén fóra dos días de mercado”.

Porén, mentres non se concrete a adxudicación, serán as asociacións sen fin de lucro do municipio quen  poderán usar as instalacións para ofrecer degustacións coas que financiar as súas actividades.  A primeira en facelo este mesmo sábado será a Asociación de Veciños Val de Moeche, quen servirá chocolate con churros durante toda a mañá.