Nenas, mozas e mulleres adultas… labregas, profesionais por conta propia e por conta allea, políticas, desempregadas, amas de casa, nais, fillas, netas e avoas… mulleres que se puxeron esta mañá diante da cámara para faceren unha foto de grupo das mans que construíron o pasado e constrúen o presente e futuro de Moeche. En total foron 85 as que responderon ao convite municipal para visibilizar nunha única imaxe a importancia social da muller, pero tamén para reivindicar con este xesto a igualdade plena que a propia sociedade lles segue/nos segue negando.

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, explica que “as mulleres representamos o 53% da poboación do concello, e todas facemos Moeche día a día desde o traballo ou desde a casa, á fronte dun negocio, labrando na terra, coidando do gando, desde o ensino, a sanidade, atendendo a outras persoas e desde todos os ámbitos da vida”.

Para a rexedora local a foto de grupo desta mañá “foi só un pequeno xesto de recoñecemento” que, porén, non suple “a loita diaria que se debe facer a prol da igualdade” xa que, segundo asegura Bascoy, “as mulleres seguimos tendo máis dificultades cós homes para traballar fóra da casa, seguimos cobrando de media menos ca eles facendo o mesmo ou máis traballo e, salvo algúns casos, debemos vencer machismos e teitos de cristal para acceder a postos de responsabilidade”.

Á convocatoria municipal para facer a foto “que colgaremos con orgullo nun lugar ben visible da Casa do Concello” acudiron un total de 85 mulleres de todas as idades. A imaxe tomouse no acceso da nave do mercado e supuxo o arranque dos actos de celebración do Día Internacional da Muller que continuarán nos próximos días.
 

Programa “Por ti, avoa”
Unha das propostas é o programa “Por ti, avoa”, que se desenvolve en colaboración co CEIP San Ramón. As nenas e nenos do colexio farán manualidades, escribirán poemas e cantarán cancións coas que agasallar ás súas avoas, como xeito de agradecerlles o que aprenden delas día a día, pero tamén de recoñecerlles o que significan nas súas vidas e na do concello.

A entrega dos regalos da xente miúda ás avoas farase nun encontro que terá lugar no colexio o mércores 7 de marzo a partir das 11.00h. Nel participarán varias mulleres que lles contarán aos nenos e nenas como era a vida na súa infancia e mocidade, incidindo especialmente en como a sociedade marcaba as diferenzas de xénero en cada momento.

Cine e cea de mulleres
A programación municipal do Día da Muller finalizará o sábado 10 no Centro Sociocultural Francisco Piñeiro, en Abade. Ás 20.00h. proxectarase con entrada libre o filme “Os fenómenos”, dirixido por Alfonso Zarauza.

Ademais da programación municipal, a Asociación veciñal de Labacengos organiza unha cea de mulleres que terá lugar en Casa Pena o venres día 9 sobre as 21.30h. O prezo  son 20€ e durante a noite haberá varios sorteos. A data límite para apuntarse é este luns 5 de marzo e o aforo é limitado. Para inscribirse hai que chamar ao 606 729 038.