Nunha reunión celebrada na mañá do luns, a alcaldesa Beatriz Bascoy e o Director Xeral de gandaría, agricultura e industrias agroalimentarias, José Balseiros xunto con persoal técnico do departamento, discutiron diversos temas de gran importancia para o noso concello. A reunión centrouse na situación actual da nave de gando e do centro de desinfección de vehículos de transporte de animais, instalacións fundamentais das que o seu funcionamento depende de dita área.
Durante a reunión, Bascoy presentou ao director xeral os proxectos de mellora acometidos nos últimos anos no recinto feiral, como a Fusquenlla ou a nave do mercado, e os que están previstos a medio prazo, como o Centro de Dinamización Económica e Social Rural TIC (Cedes), e trasladou a necesidade de realizar investimentos para acondicionar e modernizar a nave de gando. Este espazo é crucial para a actividade gandeira local, proporcionando un espazo axeitado para o benestar dos animais e o correcto desenvolvemento. A alcaldesa insistiu en que mellorar as instalacións da nave é unha prioridade para o goberno local e que agora mesmo cun investimento medio poderían acadarse melloras importantes, para o que se procurará financiamento.
Falaron tamén do centro de desinfección, cuxa titularidade é autonómica e que foi construído tras a cesión de terreos por parte do Concello, está a xerar un gasto significativo para o municipio debido aos elevados custos de luz e auga que debe asumir directamente. A alcaldesa expresou a súa preocupación por esta carga financeira que recae sobre o Concello e subliñou a necesidade de buscar solucións que permitan aliviar estes custos . Este centro é esencial para garantir a sanidade e seguridade no transporte de animais, pero o seu mantemento non debería supoñer unha carga económica para o municipio.
Ademais dos custos asociados á desinfección, o Concello tamén está a afrontar gastos relacionados coa desinsectación, unha medida necesaria debido á crise sanitaria provocada pola enfermidade hemorrágica epizoótica. En resposta a esta situación, Balseiros comprometeuse a avaliar a opción de incluír nos próximos orzamentos unha partida específica para ofrecer unha liña de axudas económicas a aqueles concellos que contan con recintos feirais, como é o caso deste municipio. Esta medida busca aliviar a carga financeira e apoiar ao Concello na xestión destes servizos esenciais.
Outro tema importante abordado foi o conflito xerado pola limitación no acceso de cabalos á nave. A rexedora aproveitou a oportunidade para trasladar novamente a problemática dos propietarios de animais que non son destinados á compra e venda ou que non cumpren as esixencias dos servizos veterinarios autonómicos que controlan o correcto desenvolvemento do mercado de gando. O director xeral deixou claro que a regulación e control dos mercados de gando é unha competencia autonómica, pero mostrou unha actitude receptiva e comprometida a retomar a proposta do Concello, realizada en 2022 aos servizos en Ferrol, de estudar a posibilidade de habilitar un espazo separado para estes animais. Este estudo incluirá unha análise das posibilidades de implementación, así como dos riscos e responsabilidades que podería implicar para a seguridade e o bo desenvolvemento do mercado de gando.
A reunión concluíu co compromiso do director xeral, José Balseiros, de estudar as propostas e necesidades presentadas pola alcaldesa Beatriz Bascoy que se mostrou “agradecida pola boa disposición” e agardando “que con esta xuntanza se acade unha vía de apoio ao Concello na xestión de servizos esenciais para o recinto feiral, un dos recursos máis importantes para o noso concello”.
Últimos comentarios