A alcaldesa, Beatriz Bascoy,e a delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros, mantiveron unha reunión para tratar algúns asuntos de carácter urxente, de competencia autonómica, relacionados co CEIP San Ramón , e outros , como a seguridade viaria na AC 862 ao seu paso por Moeche, cuestión esta última presentada xa desde a xuntanza mantida a comezos do pasado verán e sen resposta.
Na xuntanza, solicitada polo Concello e que tivo lugar na última semana do ano, a alcaldesa demandou unha solución urxente para a situación irregular dalgunhas das paradas do transporte escolar, que se produciu durante todo o primeiro trimestre do actual curso e que require estar solucionada á volta das vacacións dado o prexuízo que está a supoñer a varias familias.
Desde comezos do curso 2024-2025 en varias paradas do transporte escolar en Moeche dáse o paradoxo de que pasan dous autobuses cunha diferenza de 35 minutos e a rapazada está obrigada a subirse ao primeiro autobús, que pasa ás 8.15 da mañá para entrar na escola ás 9 e nunha distancia de escasos 3 quilómetros. Media hora máis tarde para un novo autobús escolar con prazas libres e que inicialmente lle correspondía aos nenos e nenas desa parada pero non lles permiten subirse. Somos coñecedores de que estes cambios se producen sen comunicación e , moito menos , consulta ás familias. Ao longo do trimestre algunhas familias comunicáronllo ao centro de ensino e dirixíronse á Dirección Xeral de Mobilidade, pero rematou o trimestre e seguen na mesma situación. Urxe unha solución para un problema sen sentido que está a causar un prexuízo aos nenos de curta idade sen que desde Mobilidade se actúe e que conduce a que algunhas familias se vexan na obriga de renunciar ao servizo.
No mesmo ámbito do ensino, Bascoy reiterou a permanente e efectiva para a cuberta da escola, máis aló do apaño temporal que a consellería realizou recentemente no tellado hai un par de semanas. A problemática persistente na cuberta do CEIP San Ramón é unha demanda antiga, reiterada en varias reunións de representantes do Concello coa Xefatura Territorial de Educación e apoiada con acordos plenarios desde o ano 2009. Recentemente, tras levar de novo a Pleno a petición e sumarse á demanda a ANPA do CEIP San Ramón, quen presentou numerosas sinaturas de apoio, procedeuse por parte da Consellería a colocación de material para evitar que siga chovendo dentro da escola un medida temporal,pero que non é solución definitiva. A marxe de manter o amianto na cuberta, esta solución non soluciona o estado xeral do tellado do edificio nin é resposta axeitada ao solicitado polo Concello e pola comunidade educativa desde hai máis de 12 anos.
A delegada territorial trasladoulle a alcaldesa o inicio da contratación da redacción do proxecto para unha nova cuberta que, en palabras da alcaldesa, “valoramos moi positivamente este paso e confiemos que non necesite outros 14 anos para ser executada, e convén non deixar no esquecemento que o CEIP San Ramón segue agardando desde 2015 a que se lle dea solución ao oco existente no parte baixa do centro que acumula auga nos días de choiva”.
Solicitude de melloras na seguridade viaria na AC862
A relación de temas trasladados por Beatriz Bascoy á delegada territorial da Xunta de Galicia, incluíu a necesaria adopción dalgún tipo de medida de seguridade na AC 862 en puntos de maior concentración de negocios, vivendas e parada de transporte escolar en ambas marxes da estrada, como Balocos e a zona do Empalme. Pasos de peóns e nova e mellor sinalización son as propostas que se lle requiriu por parte do Concello para analizar e instalar e que no seu momento foron comunicadas ao departamento de Estradas da Xunta de Galicia.
Por outro lado, a alcaldesa trasladou o malestar do Concello ante a falta de resposta por parte da Axencia de Infraestruturas da Xunta de Galicia (AXI) para a incorporación aos espazos culturais e deportivos de Trieiro, en Abade, desde a estrada AC862, tratada tamén na última xuntanza coa delegada territorial, no verán do pasado ano, para o necesario cumprimento do compromiso xa hai anos de establecer unha “illa na vía para evitar o perigo do acceso”, pero sen resposta por parte de AXI.
Desde o Concello agradécese a atención da delegada, Martina Aneiros, para manter xuntanzas periódicas e trasladar aqueles asuntos de competencia da Xunta de Galicia que afectan á veciñanza, e así mesmo lémbrase que “algúns dos temas xa son peticións reiteradas en diferentes ocasións e seguen pendentes de resposta, mentres que outras son máis recentes e precisan unha solución urxente, como é o caso das paradas de transporte da rapazada”
Últimos comentarios