A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy Maceiras, participou por invitación do Parlamento Europeo nas xornadas de traballo sobre as mulleres no medio rural da Comisión de Desenvolvemento Rexional (REGI). Alí expuxo que o dereito a permanecer que persegue a Unión Europea nos vindeiros orzamentos comunitarios, dentro das Políticas de Cohesión, “pasan por ter en conta as singularidades do rural galego, como a dispersión e o financiamento” e “a deficiencia no modelo de transporte público, ademais do problema da vivenda que contrasta co número de casas baleiras”.

Presentou dous proxectos financiados con fondos europeos, o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, impulsado por sete concellos e a Deputación da Coruña con fondos LEADER, formou xa a máis de 110 persoas, conta hoxe con máis do 75 % de usuarias mulleres e “ten o valor de poder converterse nunha vía económica na transformación dos excedentes agrarios para as usuarias que comercializan”. Outra das experiencias, financiada polos fondos para as zonas de Transición Xusta, foi a do novo ‘Centro de Desenvolvemento Económico e Social Rural TIC’, que facilitará a permanencia no concello coa posta en marcha do Centro de Teletraballo Público e as aulas de formación e os espazos de traballo, coworking, onde as mulleres terán un papel fundamental.

Bascoy reclamou que as axudas europeas teñan en conta as singularidades concretas do noso país, como a dispersión, a falta de transporte de proximidade, o envellecemento ou a falta de vivenda, que xeran desigualdades afectando maioritariamente ás mulleres, “elas seguen asumindo roles tradicionais que acaban cubrindo o déficit de servizos, e sofren as consecuencias dunhas liñas de axuda que non responden plenamente ás nosas necesidades”, concluíu.

Sinalou ademais que o deseño da nova PAC non pode ignorar a realidade diferenciada das explotacións agrogandeiras do rural galego así como o papel das mulleres que as sosteñen; en Moeche máis da metade das explotacións gandeiras teñen unha muller como titular.

Por último, incidiu na importancia de que as axudas acheguen o 100% aos concellos pequenos e a posibilidade de que inclúan liñas con decisión e xestión directa municipal, unha demanda que a eurodeputada do BNG Ana Miranda incluíu nas súas emendas ao orzamento da UE para 2028-2034.