A alcaldesa, Beatriz Bascoy, mantivo esta semana unha xuntanza co xefe territorial de Educación da Coruña, Santiago Freire, para trasladarlle as necesidades máis urxentes do CEIP San Ramón, competencia da Xunta de Galicia, e avanzar nas melloras para o centro O encontro, solicitado pola rexedora semanas antes do nomeamento de Freire, tivo lugar o pasado xoves na delegación da Xunta en Ferrol, para , nun marco de conlaboración, establecer as prioridades das melloras no CEIP San Ramón.
Bascoy insistiu na necesidade de darlle resposta positiva a unha petición xa aprobada polo Consello Escolar e apoiada polo Concello: desdobrar as aulas de 3º e 4º de Primaria e contar cunha praza de PT a tempo completo, sen compartila con outros centros. A alcaldesa xustificouno polas necesidades específicas xurdidas o último curso e o aumento de alumnado nalgúns niveis, que xa supera as ratios establecidas. Freire comprometeuse a responder nos vindeiros días, con especial atención ao reforzo da PT.
En materia de obras e mantemento, a rexedora lembrou que varias das demandas xa foran trasladadas anteriormente á delegada territorial Martina Aneiros e ao anterior xefe territorial. Freire asumiu o compromiso de acometer en breve as intervencións pendentes, en particular as que quedaron a medias ou presentan maior risco de deterioro.
A rexedora presentou o estado dunha das aulas da planta baixa, xa visitada este curso polos técnicos da Xunta co compromiso de volver para acometer a obra, pero cuxas columnas seguen deteriorándose; o Concello ofreceuse a colaborar para solucionar este punto. Trasladou tamén o problema do espazo da antiga caldeira, no subterráneo do edificio, onde as obras comezaron hai un par de anos e os fondos xa foron consignados, pero seguen sen rematar e o local continúa anegándose de auga. A isto sumou a necesidade de impermeabilizar a fachada, paso previo para poder pintala, e a urxente retirada dos depósitos da antiga caldeira que aínda permanecen na zona de xogo do alumnado, cuxa retirada a propia Consellería recoñeceu que lle correspondía a ela pola súa reutilización. Tamén reclamou a instalación dun peche exterior na porta principal da escola, unha petición xa antiga, co obxectivo de evitar a saída de calor no inverno e mellorar así o aforro enerxético do centro.
Por último, a alcaldesa lembroulle o compromiso inicial da delegación territorial de, cando menos, redactar o proxecto de substitución da cuberta de amianto do CEIP San Ramón, unha demanda solicitada dende 2009 a partir dunha moción do BNG e apoiada por unanimidade en varias ocasións polo Pleno, ademais de contar co apoio da ANPA do centro. Freire comprometeuse a trasladar de novo esta petición á Consellería, aínda que recoñeceu a dificultade dado o número de centros na mesma situación e o elevado custo do investimento. Bascoy indicoulle que, malia que os arranxos parciais do curso pasado evitaron entradas de auga este inverno, e asumindo que todos os centros ao tempo non se poden amañar, non é xusto que mentres nas zonas urbanas próximas se aproban varios proxectos de renovación de cubertas, os centros do rural sigan agardando cando: “a escola é un dos piares se realmente se cre na necesidade de fixar e incrementar a poboación no rural”.








Últimos comentarios