A loita pola igualdade plena de dereitos para a muller é unha cuestión que require o compromiso de toda a sociedade, e non só das voces que veñen reclamando desde hai décadas igual trato salarial e laboral, a efectiva corresponsabilidade no fogar e, por descontado, a erradicación de todas as violencias por razón de xénero. Para reivindicar esa necesaria implicación social, o Concello de Moeche ideou este ano unha celebración do 8M que visibilizase dalgún xeito esa implicación por parte de todo o territorio. A fórmula elixida foi a andaina “Camiñando cara a Igualdade”, que partirá de distintos puntos do municipio na mañá do 20 de marzo para confluír finalmente na nave do Mercado. Para unha mellor organización fai falla inscrición previa a través de correo@moeche.gal, no teléfono 981 404 006 ou contactando coas entidades veciñais que colaboran.
A andaina estaba prevista inicialmente para este domingo 13, pero as malas previsións meteorolóxicas levaron ao Concello a adiala para o 20 agardando que daquela veña mellor tempo.
A idea é formar grupos -en colaboración coas asociacións veciñais- que irán saíndo desde distintos puntos das parroquias para chegar á mesma hora -sobre as 13 ou 13:15h- ao recinto feiral de San Ramón. Unha vez alí serviranse uns petiscos para recuperar forzas e lerase o manifesto institucional co gallo do 8M consensuado polos dous grupos con representación municipal.
Ao remate do acto haberá un servizo de autobús para regresar aos lugares de saída, todos eles con sitio de sobra para deixar o coche. Os puntos de encontro e os itinerarios están calculados ao minuto para asegurar que todos os grupos acaben xuntándose sen demoras na nave do Mercado, pero tamén para facilitar que as persoas que queiran sumarse á iniciativa poidan facelo elixindo un percorrido que se axeite ás súas preferencias ou posibilidades físicas.
Os horarios e lugares de partida son os seguintes (picando nas ligazóns accédese ao percorrido en Google Maps):
-
- 11:30h Grupo 1: Igrexa de Santa Cruz pasando polo Retorno e uníndose ao Grupo 3 na igrexa de Labacengos. Trátase do itinerario máis longo (7,1 km) e, polo tanto, o máis aconsellable para quen queira dar un bo paseo.
-
- 12:00h Grupo 2: Cruceiro de San Xurxo pola CP-4901 ata a CP-4904 (4,3 km, aproximadamente 1 hora)
-
- 12:15h Grupo 3: Igrexa de Labacengos pola CP-4902 ata a CP-4904 (3,4 km, 40-45 minutos), con idea de que tanto este grupo como o nº 1 conflúan na estrada das Somozas co Grupo 2 que sobe desde San Xurxo
-
- 12:15h Grupo 4: Adro da Igrexa de Abade (3,9 km, uns 45 minutos). O trazado vai pola CP-4905 e por pistas municipais, non pola estrada de Ortigueira
-
- 12:15h Grupo 5: Cemiterio de San Xoán, seguindo logo polo Riovello e Pardiñas (2,8 km e uns 40-50 minutos)
-
- 12:50h Grupo 6: Cruceiro de San Ramón seguindo a estrada Cristo do Rañal (350 m.), pensado para persoas con mobilidade reducida ou para quen queira participar no acto final
Desde o Concello lánzase un chamamento para alcanzar a máxima participación nesta iniciativa, concibida como maneira de expresar o compromiso de todo Moeche coa igualdade e tamén como xornada de que contribúa a ir recuperando os vínculos veciñais tras dous anos de pandemia.
De cara a que todo se desenvolva segundo o previsto -e tamén para calcular a loxística dos petiscos- é necesario apuntarse até o venres 18 chamando ao 981 404 006 en horario de mañá, enviando unha mensaxe a correo@moeche.gal ou comunicándollo a calquera asociación veciñal.
Últimos comentarios