Esta semana que remata a ANPA do CEIP San Ramón entregou máis de 3400 sinaturas para demandarlle á Consellería de Educación o desdobramento da aula do 1º ciclo de Primaria, a incorporación de profesorado de Pedagoxía Terapéutica así como un mestre ou mestra de apoio e a substitución do tellado da escola, hoxe de amianto e con fendas que van a máis.
Desde o Concello de Moeche agradécese e apóiase esta iniciativa exemplar que suma, apoia e impulsa as demandas máis urxentes da comunidade educativa e que, no caso da tellado, o Concello dirixiu en varias ocasións á Consellería de Educación. O apoio e implicación do conxunto da comunidade educativa, impulsado pola ANPA, é fundamental para avanzar
A comezos deste curso desde o Concello deuse conta do problema da cuberta no Consello Escolar e á ANPA, quen desde o primeiro momento amosou o seu apoio e impulsou a iniciativa de recollida de sinaturas como peza fundamental da comunidade educativa.
No último Pleno ordinario o Goberno muncipal presentou unha proposta para instar á Xunta de Galicia a acometer xa a substitución da cuberta e atender a necesidade de reforzo con novo profesorado, tanto en educación infantil como no 1º ciclo de Primaria. A proposta, coa presenza dos membros da ANPA na sesión plenaria, foi aprobada por unanimidade.
Demandouse nos últimos oito anos a substitución da cuberta da escola, nomeadamente ao remate do inverno pasado cando o deterioro foi a máis, valorando que, de non poder acometerse dunha vez, se desenvolvese en dúas fases. As distintas xuntanzas do Concello co xefe territorial de Educación na Coruña e na Delegacion da Xunta de Galicia en Ferrol non achegaron ningunha solución ao problema, máis aló dunha visita dos técnicos pero sen ningunha actuación.
O Goberno municipal participou na convocatoria realizada pola ANPA para presentar as sinatras recollidas e, así mesmo, agarda que o apoio social obtido para as demandas da comunidade educativa, tanto no tema da cuberta como no necesario e importante incremento de profesorado especializado, sexa escoitado e valorado.
Últimos comentarios