Moeche reeditará tamén este ano o programa “Verán en acción”, que se ten previsto desenvolver durante os meses de xullo e agosto. Igual que outros anos proporanse actividades ao aire libre para distintas idades que, neste 2020, estarán condicionadas pola necesidade de adoptar medidas preventivas dos contaxios. O Concello suprimiu as disciplinas acuáticas, posto que a piscina permanecerá pechada, e amplía a oferta con grupos reducidos, asegurando a separación entre persoas e incidindo tamén na hixiene e na etiqueta respiratoria. As inscricións nas actividades  poden facerse desde xa mesmo con cita previa no departamento de Deportes, no correo daniel.feijoo@moeche.gal, na Sede Electrónica municipal ou, o máis doado, contactando directamente co técnico telefonándoo ao 981 404 006 ext.3. Ademais dos obradoiros deportivos, Moeche tamén ofrecerá actividade cultural e de conciliación: o campamento Sementeira, cine ao aire libre, música, xeorutas e as visitas ao castelo, aberto desde a pasada fin de semana.

A fortaleza de Moeche ofrece visitas guiadas polos seus muros centenarios e polo Centro de Interpretación das revoltas Irmandiñas. O castelo tamén se tivo que adaptar á “nova normalidade” dotándose de material de prevención e asumindo os protocolos que rexen para museos e salas de exposicións: xel hidroalcólico no acceso, recomendación de separación física, uso de mascarilla se non se pode garantir unha distancia mínima de 1,5 metros e tamén o tope de 25 persoas nun mesmo grupo para facer percorridos guiados.

Alén das sempre instrutivas visitas, o castelo tamén acollerá unha versión reducida do programa estival Castelo de Sons, que programou un concerto infantil de Pakolas para o 18 de xullo e un para persoas adultas o 8 de agosto a cargo de Paloma Suanzes.

O Concello tamén pechou xa o calendario de xeorutas estivais conducidas polo xeólogo Fran Canosa. Haberá seis para ver os espeleotemas de Mina Piquito (10 persoas máximo) e outras tres para descubrir as canteiras de toelo xunto coa utilización da pedra de Moeche na arquitectura civil e relixiosa. Neste caso os grupos poderán ser de 25 persoas como máximo e coa ruta inclúese unha visita ao castelo.

  • Sábado 4 de xullo, Mina Piquito: ás 10.00h. e ás 12.10h.
  • Domingo 12 de xullo, Toelo: 10.00h.
  • Sábado 25 de  xullo, Mina Piquito: 16.00 e 18.10h.
  • Domingo 2 de agosto, Toelo: 10.00h.
  • Xoves 6 de agosto, Mina Piquito: ás 16.30 e ás 18.40h.
  • Sábado 15 de agosto, Toelo: 16.30h.
  • Luns 17 de agosto, Mina Piquito: 16.30h. e ás 18.40h.
  • Sábado 29 de agosto, Mina Piquito: ás 10.00h. e ás 12.10h.

As inscricións están pechadas polo momento e deben facerse a través dos formularios publicados no blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com. As reservas ábrense 15 días antes de cada ruta. Se queremos participar nas de Mina Piquito hai que apuntarse aquí. Se optamos pola xeoruta do Toelo, o formulario é este.

Cine e conciliación
A Concellaría de Cultura tamén programou sesións de cine ao aire libre adaptadas ás medidas preventivas, é dicir, con aforo limitado e distanciamento físico entre persoas non convivintes. O 18 de xullo ás 21.30h. proxectarase en Soutogrande o filme infantil “Os futbolísimos” e o 1 de agosto á mesma hora e no mesmo lugar pasarase “A Galiña Turuleca”, tamén para rapazada. O 14 de agosto ás 21.30h. haberá unha terceira proxección para maiores de 16 anos diante da Casa do Concello“A sombra da lei”, dirixida polo monfortino Dani de la Torre.

Por outra banda, a área de Igualdade e Infancia  tamén porá en marcha os obradoiros de conciliación Sementeira durante o mes de agosto. Estarán divididos en dúas quincenas con dous grupos de entre 8 e 10 rapaces en cada unha delas. A información sobre o seu contido, os prezos e os criterios de adxudicación publicarase nos próximos días.

“Verán en acción” abre o prazo de solicitude
O que si ten aberto xa o prazo de solicitude é o programa de exercicio “Verán en acción”, que oferta distintas propostas para todas as idades durante os meses de xullo e agosto. Por mor das obrigas preventivas, o programa tamén debeu amoldarse a cupos de participantes e a espazos que permitan garantir o distanciamento social. Ademais tamén se decidiu partir as sesións en xornadas de mañá e tarde con limitación dos grupos a un máximo de 8 persoas e reducindo a duración de cada actividade a 45 minutos, coa finalidade de que as entradas e saídas sexan escalonadas e de que haxa tempo entre grupos e actividades para desinfectar o material.

Aínda así haberá variedade abonda entre a que elixir: ximnasia para maiores, patinaxe, pilates, spinning e tenis. No seguinte cadro recóllese a distribución horaria e tamén os lugares en que se desenvolverá cada actividade:

No caso da ximnasia para persoas maiores o prezo será de 12€ mensuais para menores de 65 anos e 9€/mes para quen supere esa idade. Pilates e Spinning terán un prezo de 10€/mes e patinaxe e máis tenis só custarán 6 euros mensuais. Ademais serán de aplicación os descontos previstos polo Concello para usuarios e usuarias do Carné Xove ou para familias que non conten con recursos económicos suficientes, tal e como se reflicte na ordenanza reguladora nº 16.

Desde o Concello insístese en que se seguirán en todo momento as recomendacións e obrigas hixénicas e sanitarias, así como os protocolos específicos existentes e os que se poidan publicar de agora en diante. As máis importantes son a do distanciamento interpersoal á hora de facer os exercicios, o propio feito de practicar en grupos reducidos, a limpeza frecuente de mans, a etiqueta respiratoria -tusir ou esbirrar contra un pano ou contra a parte interior do cóbado-, insistir en que non se deben tocar os ollos ou o nariz e, ademais, a desinfección do material utilizado, que en ningún caso se deberá compartir sen antes pasar por unha limpeza a conciencia.

As actividades arrancarán en xullo e, de cara a programar os grupos e as posibles adaptacións horarias, fai falla irse apuntando xa. Haberá que facelo presencialmente no departamento de Deportes -con cita previa– en horario de 9 a 14.00h. de luns a venres, chamando ao 981 404 006 ext.3 ou enviando un correo a daniel.feijoo@moeche.gal indicando o nome, os apelidos, os datos de contacto e a actividade na que se quere participar. A preinscrición tamén se poderá facer a través da Sede Electrónica remitindo unha solicitude xeral.