A aula de formación en novas tecnoloxías do Concello de Moeche empeza curso en outubro. Máis ben cursos, xa que serán tres as accións que se ofrezan durante todo o mes os martes, mércores e xoves en horario de mañá. Os temas elixidos teñen moito que ver coa actual situación e preténdese que as persoas participantes, especialmente as de maior idade, aprendan a desenvolverse con ferramentas que lles sexan de axuda para comunicarse, mercar en Internet e mesmo controlar o seu estado de saúde. Todos os cursos faranse desde a casa a través de videoconferencia e con titorías presenciais -de ser necesarias- con cita previa. Hai que ir anotándose xa a través do correo aulaticmoeche@gmail.com ou chamando ao 616 016 793. Para participar é imprescindible dispoñer de ordenador, táblet ou móbil e conexión á rede.
A primeira actividade titúlase “Uso da videoconferencia” e está programada para os martes 6, 13, 20 e 27 de outubro de 10 a 11.30h. Veranse o funcionamento básico dos programas de parola grupal ao vivo e tamén a maneira de instalalos e de configuralos, insistindo moito no control da privacidade. Skype, Zoom e Google Hangouts son os máis coñecidos, aínda que para este curso se utilizará Jitsi pola súa sinxeleza e por tratarse dun proxecto de código aberto, gratuíto e cunha seguridade elevada.
A finalidade desta actividade da Aula TIC é mostrarlle ao alumnado a maneira de comunicarse en vídeo a través da rede para facer unha “quedada” virtual con familiares e amizades, pero tamén para recibir formación ou asistir a charlas e reunións sen moverse da casa. Por outra banda, contar cunhas competencias mínimas en materia de videoconferencias será fundamental para futuras propostas da aula que, mentres se manteña a actual situación sanitaria, se impartirán preferentemente de maneira telemática.
Así será co seguinte curso, “Compras seguras por Internet”, previsto para os mércores 7, 14, 21 e 28 de outubro, tamén en horario de 10 a 11.30h. Neste caso coñeceranse as distintas maneiras que existen na rede para mercar e pagar de forma segura -tarxeta, Paypal… incluso contrareembolso-, así como múltiples trucos para aforrar comparando prezos e buscando ofertas vantaxosas.
A última acción formativa programada leva o nome de “Saúde no móbil” e fixouse para os xoves 8, 15, 22 e 29 de outubro das 10 ás 11.30h. Nesa hora e media diaria descubriranse -e poranse en práctica- as maneiras de controlar a actividade física e a alimentación, ademais de varios aplicativos gratuítos para exercitar a memoria. No curso tamén se ensinará a pedir cita médica no SERGAS sen necesidade de chamar ao Centro de Saúde e incluso se verá a maneira de consultar informes médicos.
Para apuntarse en calquera destas propostas hai que chamar ao 616 016793 -tamén whatsapp- ou mandar un correo a aulaticmoeche@gmail.com. Todas as clases serán por videoconferencia, aínda que tamén se ofrecerá asistencia telefónica e en liña para solventar dúbidas. Se fose necesario por mor dalgún problema técnico mesmo poderían concertarse titorías presenciais chamando ao mesmo teléfono.
A maiores destes cursos de outubro, a Aula Tic está preparando para máis adiante outros obradoiros tamén moi interesantes: Trámites coa Administración por Internet, Iniciación ao manexo do móbil ou táblet, Aprender a aprender coas TIC, Crea a túa canle en Youtube e Crea o teu Blog. De todos eles darase información tan pronto como estea pechado o calendario.
Últimos comentarios