O pasado sábado tivo lugar no Centro Cultural Francisco Piñeiro de Abade un encontro informativo con grande asistencia de público para coñecer con máis detalle en que consisten as comunidades enerxéticas, que veñen sendo agrupacións de persoas e/ou entidades reunidas de maneira cooperativa para promover o autoabastecemento mediante fontes limpas, principalmente a enerxía solar. Este modelo, de grande difusión nos países nórdicos, está espertando grande interese tamén nos do sur, e máis aínda desde que a factura da luz está polas nubes. Neste sentido, da xuntanza celebrada en Abade saíu un grupo de persoas interesadas nesta fórmula que xa está botando a andar por iniciativa do Concello de Moeche. Mesmo conta con web propia para poder sumarse a ela ou ampliar información.

As comunidades enerxéticas son entidades de participación aberta e voluntaria co obxectivo de achegar beneficios ambientais, enerxéticos e económicos ás persoas, entidades, empresas e institucións que poden formar parte delas.  Neste sentido, o Concello de Moeche é pioneiro na zona encabezando a constitución dunha comunidade que estará aberta á participación de toda a veciñanza interesada e que favorecerá a instalación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo.

Segundo as primeiras estimacións, colocar paneis solares pode supor un aforro superior ao 30% na factura eléctrica, aínda que tamén cómpre ter en conta os custes da instalación, para os que existen importantes axudas públicas. Por outra banda, a normativa reguladora do autoconsumo enerxético obriga a ter as placas dentro dun radio máximo dun quilómetro con respecto aos fogares que se beneficien delas.

Por estas razóns, o Concello pretende, en primeiro lugar, coñecer cantas persoas e empresas do municipio desexan sumarse ao proxecto, de cara a facerse unha idea sobre o mapa do número de instalacións que serían precisas, a súa situación e a planificación do seu despregamento, así como calcular os  custes, que deberán ser asumidos solidariamente -descontadas as posibles axudas- por quen formen parte da comunidade enerxética.

Proximamente enviarase ás casas de todo Moeche unha folla explicativa sobre o proxecto que incluirá a programación de novas xuntanzas informativas nas que se detallarán todos os pormenores da comunidade enerxética e de como se vai poñer en práctica no noso concello.