Moeche continuará polo momento no nivel máximo de restricións, é dicir, coa prohibición de reunións de non conviventes, coa hostalaría sen poder abrir as súas portas e sen que se poida entrar nin saír do concello salvo por motivos xustificados. E a razón hai que buscala na estatística de casos acumulados a 14 días utilizada polo Comité Clínico da Xunta para definir como se encadran os municipios en cada nivel restritivo. Segundo os datos manexados pola Consellaría de Sanidade, o luns -día en que se anunciou o novo chanzo da desescalada- Moeche tiña unha incidencia acumulada cercana a 900, moi por riba dos 500 que lle permitirían pasar ao nivel 2 en que se encontrará o resto da comarca a partir deste venres. O Goberno local solicitoulle á Xunta que se revisase esa información e que se avaliase a separación estatística dos casos confirmados na residencia O Casón, coa finalidade de que, de ser posible, Moeche saíse das restricións máximas canda ao resto de municipios da volta. Porén, segundo confirmou hoxe Sanidade, a incidencia acumulada (aínda non contando a residencia) consella manter igualmente as medidas, que se revisarán na reunión do Comité Clínico do próximo luns.

Segundo soubo o Goberno local tras comunicarse co SERGAS mediante un escrito rexistrado onte, os datos de incidencia acumulada en Moeche a 14 días a data de 22 de febreiro -día en que se reuniu o comité e se anunciou o inicio da desescalada por concellos- apuntaban a 16 casos, 5 deles pertencentes á residencia da terceira idade e os outros 11 correspondentes a persoas con tarxeta sanitaria adscrita ao Centro de Saúde de San Ramón. Separando ambos números para facer o cálculo en relación coa poboación total, sen contar O Casón, o noso concello tiña unha incidencia acumulada de 897 casos por cada 100.000 habitantes, moi lonxe aínda do intervalo de 250 a 500 en que se encontran o resto de municipios da contorna e razón pola que a Xunta manterá de momento o nivel máximo de restricións.

Agora o obxectivo é rebaixar tanto a incidencia acumulada como o número de casos activos, que en ambos casos teñen maior repercusión nos territorios con menor poboación. E máis aínda se se ten en conta que a Xunta elabora a estatística dividindo o padrón municipal entre o número de positivos con tarxeta sanitaria no centro de saúde, que poden ser veciños e veciñas doutros concellos.

Desde o Concello vólvese insistir, unha vez máis, en que é necesario continuar aplicando todas as medidas de autoprotección e cumprindo a normativa en vigor que, entre outras cousas, prohíbe a xuntanza de persoas non conviventes, mantén o peche perimetral do concello e impide a atención da hostalaría agás para recollidas no local e entregas a domicilio. Unhas restricións que, segundo se precisa no escrito remitido ao SERGAS, “teñen un profundo impacto na vida e na economía da veciñanza de Moeche” e, precisamente por iso, deben ser aplicadas de acordo coa “situación epidemiolóxica real” baixo a premisa de facelo a un ritmo que evite a repunta da pandemia.

A desescalada anunciada o luns comezará o venres no resto de concellos da comarca con hostalaría aberta só nas terrazas a un 50% até as 18.00h., posibilidade de reunións de ata catro persoas non conviventes e mobilidade permitida entre eses territorios sen saír da área sanitaria. O Comité Clínico volverá revisar a situación o luns e, de ser o caso, adoptará o acordo cos cambios que se deban facer en cada municipio. Para que Moeche poida pasar ao nivel 2 igual que os demais fai falla que a incidencia acumulada estea entre 250 e 500 por cada 100.000 habitantes, é dicir, non máis de 6 casos novos nos últimos 14 días.