O Plan de Aforro e Investimentos é unha liña de axuda económica dirixida a concellos creada pola Deputación en 2015. A súa finalidade era a de facilitarlles ás administracións locais créditos a 10 anos, cun 0% de xuros e un prazo de carencia inicial de 2 anos para que, segundo elixisen, acometesen obras e outros investimentos sostibles ou ben para que os destinasen a rebaixar débedas pendentes con provedores. Moeche foi un dos municipios que se acolleu daquela ao PAI, dedicando os algo máis de 130.000€ que lle correspondían á cancelación do groso dos créditos bancarios suscritos en 2008 para pagar a expropiación dos terreos onde hoxe se asenta a Casa do Concello. En 2019 tocaría comezar a volver os cartos. Porén, a Deputación aprobou hai escasos días ampliar en dous anos máis o periodo de carencia, de xeito que o pagamento da primeira cota do préstamo provincial deberá facerse en 2021.

Foi en febreiro de 2015 cando o Concello, encabezado por aquel entón por Xulio Cribeiro, aprobou en pleno adherirse ao Plan de Aforro e Investimento provincial, que tiña reservados para Moeche 130.065,57 euros. Unha contía  que cubría a maior parte dos case 138.000 euros que aínda estaban pendentes de pagar dos préstamos cos que se cubriron a indemnización e os xuros de mora pola expropiación dos terreos que ocupa a Casa Consistorial, construída en 2002.

A historia viña de atrás. En 1997 o Concello iniciou o procedemento de expropiación forzosa das parcelas e, a partir de aí, iniciaríase un tirapuxa legal cos propietarios por mor da valoración dos terreos. Un desacordo que se saldou en 2006 cun fallo do TSXG no que se obrigaba ao Concello a pagar pola nova valoracion da expropiación, ademais dos xuros de mora que se xerararan desde a primeira ocupación das terras.

A solución adoptada polo goberno local en 2008 para satisfacer a débeda foi solicitar dous préstamos a dúas entidades bancarias por un importe conxunto de 190.000 euros. Chegado 2015 é cando entra en escena o plan crediticio provincial, que ofrecía 130.000 euros en condicións  máis vantaxosas que as do banco, posto que eran cartos libres de intereses, con dous anos de carencia e cun prazo de dez anos para a súa devolución. Dos préstamos faltaban aínda por pagar  138.000 euros e o executivo de Cribeiro optou por acollerse ao PAI para cubrir a maior parte da débeda. Os 8.000 euros restantes serían cancelados xa en 2016 polo actual goberno.

Ampliación dos prazos
O primeiro Plan de Aforro e Investimento da Deputación -agora integrado no Plan Único- púxose en marcha como fórmula de financiamento municipal tanto de obras como de débedas pendentes, fixando en 10 anos o prazo máximo para a devolución dos importes, que deberían empezar a facerse efectivos en 2017. Unha modificación posterior ampliou a carencia inicial de dous anos ata 2019 e, hai escasos días, o pleno provincial deulle o visto e prace a unha nova moratoria por outros dous anos máis, co que os concellos que solicitaron o PAI na súa primeira convocatoria -igual que Moeche- deberán empezar a pagalo en 2021.

O novo aumento no período de carencia dálle a Moeche, polo tanto, outros dous anos de marxe -serán catro anos en total- antes de comezar a ingresar os prazos crediticios que, de acordo co aprobado pola Deputación, estarían saldados  no ano 2031 como moi tarde. A alcaldesa cualifica a decisión provincial como “unha boa noticia” xa que, segundo Bascoy, “teremos máis marxe para acomodar as cotas nos sucesivos orzamentos e facer máis levadeira para as arcas municipais unha débeda histórica que, quizais, nunca se debera ter contraído”.

Fontes do goberno provincial apuntan a que este cambio busca facilitarlles as cousas aos concellos, dándolles máis tempo para recompoñer as súas economías e para reestruturar os seus orzamentos. En calquera caso, as mesmas fontes tamén sinalan que, malia levar xa dúas moratorias, as contías do PAI deberán ser devoltas nos prazos fixados posto que, doutro xeito, estaríaselle trasladando á Deputación a débeda dos concellos. Ademais, condonar esa débeda contraída polos municipios significaría transformar de facto un préstamo nunha subvención, o que suporía, cando menos, unha anomalía contable para o ente provincial.