A Deputación da Coruña celebrou esta mañá un pleno que, entre outros asuntos, levaba na súa orde do día aprobar a sinatura dun convenio co Concello de Moeche para remodelar a antiga nave dos queixos e convertela nun centro comarcal de apoio ao desenvolvemento rural. O ente provincial dalle luz verde deste xeito á firma do acordo, que se suscribirá nos próximos días, e á inxección de 103.545,99€ nun proxecto participado por Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño que busca converter as instalacións nun punto de transformación alimentaria dirixido principalmente á pequena produción agropecuaria dos catro municipios. Ademais da achega provincial para as obras, o centro tamén conta con outros 119.000 euros de fondos europeos do FEADER xestionados polo GDR Seitura 22 dentro do programa Leader. Pola súa banda, a Dirección Xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias asumiu o importe correspondente ao anteproxecto e o proxecto das instalacións, cifrado en 12.000 euros.

O Centro de Transformación Alimentaria é unha iniciativa de ámbito comarcal que busca facilitarlle á pequena produción unhas instalacións axeitadas e con todos os aparellos precisos para a conservación e envasado de horta, froita, zumes e mesmo mel. Na práctica será unha pequena planta de elaboración dotada de todo o necesario para garantir a calidade do produto final e unha absoluta seguridade alimentaria. Dentro haberá, entre outro equipamento, un autoclave, cámara frigorífica, un tanque de lavado, unha zona de procesamento, unha deshidratadora, etiquetadora, prensa, espazo de almacén e incluso un grupo electróxeno especial.

Ademais o espazo tamén se concibiu como lugar no que se favoreza o coworking e onde se impartan cursos e obradoiros relacionados tanto cos procesos de transformación como coa normativa relacionada coa seguridade alimentaria e a comercialización.

O proxecto leva máis de tres anos xestándose e adquiriu corpo co acordo asinado a finais de 2018 entre Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño de cara a deseñar unha proposta máis elaborada para concorrer ás axudas do programa Leader e poder recabar finanzamento doutras administracións, como foi o caso da Deputación da Coruña e da Consellaría do Medio Rural. Neste sentido unha das primeiras decisións adoptadas foi a de instalar o centro no recinto de San Ramón. Por varios motivos: pola súa situación estratéxica, por ser Moeche referente da comercialización agroalimentaria de proximidade e pola dispoñibilidade de instalacións en desuso que se pudían adaptar á nova finalidade.

Deste xeito, o centro ocupará a antiga nave dos queixos do recinto feiral, situada a tan só un paso do espazo onde se desenvolven os mercados dos sábados e en pleno corazón das feiras do 11 e do 23. O investimento total aproximarase aos 250.000 euros (incluído o custe do proxecto e a dirección de obra) dos que practicamente o 90% se sufragarán cos fondos europeos do Leader -119.000 euros- e cos 103.545,99 € do convenio aprobado esta mañá pola Deputación da Coruña, a proposta da Comisión de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible.

A achega provincial destinarase á execución da obra, mentres que a do Leader tramitada polo GDR Seitura 22 irá maioritariamente para equipamento. Trala sinatura do convenio coa Deputación, o Concello de Moeche -como titular das instalacións- poderá iniciar o expediente de contratación. Os catro concellos implicados definirán en paralelo o modelo de xestión, no que se lle quere dar cabida tanto a pequenas explotacións agrogandeiras como a particulares que desexen elaborar os seus produtos para consumo propio ou para venda directa.

A alcaldesa, Beatriz Bascoy, destacou a importancia da inxección económica aprobada hoxe polo pleno provincial: “Contabamos coa metade do financiamento  e, co aprobado hoxe, dispoñemos doutros 103.500 euros que cobren case a totalidade do proxecto. Agora pódeselle dar o impulso definitivo a unha idea moi meditada e na que se leva traballando moito tempo”, comenta a rexedora. Beatriz Bascoy engade que, nas actuais circunstancias, as obras que se leven a cabo -e que se contratarán “o antes posible”-  tamén suporán unha “modesta contribución” ao mantemento do emprego.

Porén, tal e como insistiu Bascoy, “o máis importante” será dispoñer dun centro “que dinamice a produción e transformación de alimentos da máxima calidade e a súa comercialización en circuítos de proximidade, sen renunciar por iso a outros mercados”. A alcaldesa argumenta a este respecto que a actual crise “supuxo unha maior concienciación sobre o valor do rural e sobre a importancia de acurtar o camiño entre produción e comercialización. É unha oportunidade que debemos aproveitar para situar o noso sector primario onde lle corresponde “.