O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, rubricaron recentemente un convenio de colaboración entre ámbalas Administracións coa finalidade de potenciar o castelo de Moeche como recurso turístico comarcal e provincial. Malia ser xa un dos principais atractivos da zona, a fortaleza acusa o paso do tempo nos módulos expositivos que acolle, ademais de requirir unha actualización tanto dos seus contidos como do xeito de acceder a eles, de cara a facelos máis dinámicos aproveitando as tecnoloxías dispoñibles na actualidade. Neste sentido, o Concello preparou un proxecto integral -que tamén abrangue a iluminación da mostra permanente e unha mellor sinalización do recinto- cuantificado en 62.500 euros, IVE incluído, que se levará a cabo cunha achega provincial de 50.000 euros (o 80% da base impoñible) mentres que o consistorio asumirá os algo máis de 12.500 euros correspondentes ao 20% restante e o custe do valor engadido. O acordo asinado por Regueira e Bascoy é resultado do compromiso adquirido o ano pasado polo vicepresidente e responsable provincial de Turismo de apoiar as melloras que axuden a coñecer mellor a dimensión histórica e arquitectónica do castelo, un dos lugares de referencia das Revolucións Irmandiñas do século XV.

A memoria valorada presentada polo Concello á Deputación estrutúrase en catro grandes apartados que contemplan, principalmente, a reelaboración dos contidos -novas imaxes e textos- de cara a incorporarlles os avances que se produciron nos últimos anos na investigación e reinterpretación histórica dos tempos en que o castelo estaba no seu apoxeo.

Porén, ademais diso, tamén se pretende que eses contidos sexan accesibles desde dispositivos móbiles por medio de códigos QR e audioguías que, por unha banda, axuden a descubrir o castelo nos percorridos que se fagan por libre e, por outra, que faciliten a actualización da información dispoñible ampliando e complementando a existente nos paneis físicos.

Para desenvolver esta parte do proxecto -cifrada en case 30.000 euros máis IVE- requirirase a redacción de novos materiais, a súa tradución a distintas linguas e a súa adaptación tanto a soportes impresos como virtuais por medio de deseños tamén renovados. Todo cunha liña gráfica uniforme que, ademais, tamén se trasladará á sinalización dos distintos espazos da fortaleza, referida a indicadores do percorrido e á identificación de cada unha das estancias de acordo coa función que tiñan no pasado e os cambios que sufriron ao longo da historia.

A intervención planificada polo Concello fíxose informando previamente á  Dirección Xeral de Patrimonio Cultural co obxectivo de axustala, xa desde a súa concepción, á nomativa e necesidades de conservación do espazo. Neste sentido o principal cambio, ademais da sinalización, será a renovación completa do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas desmontando os elementos expositivos previos para cambialos por outros novos. Estes levarán  iluminación máis axeitada e aforradora -usarase tecnoloxía LED- e tamén se prevé actualizar o equipamento informático e audiovisual.

Segundo explicou Beatriz Bascoy, a renovación dos contidos do castelo de Moeche “responde á necesidade de actualizalos con novos datos e cun xeito de mostrar a información adaptado aos novos tempos, aproveitando o potencial que ofrecen os dispositivos móbiles”. A rexedora sinala a este respecto que os módulos existentes “levan 20 anos ofrecendo información xeral que agora será aínda máis precisa e máis ampla, para poder entender mellor a excepcionalidade histórica e construtiva do noso castelo, ademais do que supuxeron as revoltas irmandiñas”.

O vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, expresouse nos mesmos termos engadindo que o proxecto deseñado para o castelo “ofreceralle unha nova visión  ás persoas visitantes” xa que, insistiu, “quen se achega a un monumento non só quere velo e coñecer o seu pasado, senón ter a sensación de estar vivindo unha experiencia distinta e única, gracias aos recursos narrativos e multiplataforma que temos nestes momentos ao noso alcance”.

Bascoy e Regueira coincidiron, ademais, en que a actualización expositiva da fortaleza tamén se aproveitará para dotala de contido relativo ao Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. “O castelo é punto de arranque das xeorrutas do Toelo, referente da nosa historia e un elemento patrimonial de suma importancia desde o punto de vista material e inmaterial. Ten toda a lóxica reservar nel un espazo para dar a coñecer o proxecto de xeoparque integrado no resto de contidos expositivos”, apunta Beatriz Bascoy. O responsable da área provincial de Turismo súmalle o argumento de que o castelo “é unha peza fundamental para apuntalar polo sur a interpretación do territorio desde un punto de vista xeolóxico, cultural, turístico e de desenvolvemento sostible, que van intimamente ligados nos xeoparques UNESCO”.

50.000 euros de achega
Gracias ao convenio asinado recentemente na Coruña por Xosé Regueira e Beatriz Bascoy, o Concello de Moeche recibirá 50.000 euros de axuda provincial para levar adiante un proxecto cuxo custe está orzamentado en 62.500 euros, IVE incluído. Unha vez suscrito o acordo, o Concello iniciará de maneira inminente o expediente de contratación dos traballos. O 40% da achega provincial ten carácter prepagable, mentres que o 60% restante farase efectivo no momento en que se executen e o Concello presente a correspondente xustificación dos gastos.