A sede da Deputación da Coruña acolleu este mediodía a sinatura do acordo para a concesión dunha subvención nominativa para o cofinanciamento de distintas actividades da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal. A contía do acordo alcanza os 239.943 euros distribuídos en cinco liñas de actuación coas que se pretende continuar traballando na estrutura de funcionamento do proxecto, levar a cabo investimentos na conservación e posta en valor dos recursos xeolóxicos e reforzar a parte de difusión científica e educativa, ademais de prever accións formativas no ámbito do xeoturismo e o ecoturismo dirixidas a entidades e empresas do sector.

O acordo económico ten unha vixencia de un ano -desde outubro de 2021 até a fin de setembro de 2022-, tempo no que a asociación xestora do proxecto deberá levar a cabo o listado de 20 accións concretas reflectidas no texto asinado polo Vicepresidente provincial e deputado ao cargo da área de Turismo, Xosé Regueira, e polo presidente de quenda da entidade, Alberto González, en presenza da rexedora e os rexedores dos concellos promotores.

No documento suscrito hoxe figuran partidas dirixidas a cinco ámbitos de traballo concretos e centrados tanto na consolidación da estrutura de funcionamento como no referido ás estratexias de dinamización do territorio, vinculadas ao turismo e ao coñecemento do seu patrimonio xeolóxico.

Así, nun primeiro apartado resérvanse preto de 43.000 euros para o labor de coordinación administrativa e científica do proxecto, incidindo no traballo en rede con outros xeoparques.

A segunda liña do plan dedicará 38.720 euros ao inventariado de recursos xeolóxicos e o seu programa de protección, ademais de sinalar a posta en valor daqueles de tipo natural e patrimonial. Neste capítulo cóntase, ademais, a aposta polos programas educativos, de investigación científica e de sensibilización, orientados a centros educativos do territorio, mais tamén a universidades e empresas do sector turístico.

En relación co anterior, a lista recolle unha partida lixeiramente superior aos 95.000 euros para o plan de investimentos en equipamento, a unificación da sinalización e o deseño de contidos para os espazos interpretativos, entre outras actuacións.

Unha parte do convenio -9.680 €- tamén servirá para programar formación especializada entre entidades e empresas turísticas, co obxectivo de que coñezan todas as claves e especificidades xeolóxicas do territorio sobre as que desenvolver novos produtos de xeoturismo e ecoturismo.

A quinta e última liña de traballo, dotada con 53.240 euros, oriéntase ao reforzo da imaxe do proxecto, coa publicación de materiais informativos -folletos, mapas, catálogos de rutas, etc.- e, principalmente, coa creación de contidos para un centro de interpretación virtual apoiado na web do proxecto, que tamén se traducirá ao inglés e incrementará as súas funcionalidades como referente do proxecto na Internet. A este capítulo engádeselle o labor informativo e de dinamización das redes sociais.

Trala sinatura do convenio, o Vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou que o acordo sexa resultado da colaboración entre Administracións e que, neste sentido, axudará a “dár pasos en firme e facer máis forte” a candidatura do Cabo Ortegal perante a UNESCO. Regueira mostrouse convencido de que o proxecto redundará na estruturación e dinamización económica do territorio “reforzando o plano turístico e o plano da produción agroalimentaria”. “Non vai ser só un bo produto para o Ortegal, senón tamén para Galiza”, dixo o responsable provincial de Turismo, quen xa anunciou novas achegas de cara ao futuro e avogou porque o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal sexa unha das iniciativas “que se deben apoiar” cos fondos de reconstrución post-covid Next Generation.

Por parte da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, Alberto González agradeceu o compromiso “fundamental” da Deputación coa iniciativa e subliñou a importancia do cofinanciamento provincial “de cara a dinamizar o territorio e profundizar no seu desenvolvemento sostible” partindo dos seus recursos xeolóxicos.

Na sinatura estiveron presentes a rexedora e rexedores dos sete concellos implicados

A achega provincial confírmase a escasos días de que se coñezan as valoracións do Comité Nacional Español de Xeoparques, o organismo encargado de avaliar as propostas aspirantes e de informar á Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO para que esta designe as dúas que se lle presentarán finalmente como candidatas ao programa de xeoparques das Nacións Unidas.

No caso de que o Cabo Ortegal sexa unha delas -algo que na asociación se agarda cunha prudencia optimista- habería por diante un ano de intenso traballo para materializar as estratexias definidas no convenio, antes de someterse ao exame de campo dos avaliadores do Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques. “O proxecto ten que estar funcionando xa como xeoparque, e iso é algo que estamos facendo traballando conxuntamente a favor do desenvolvemento do territorio”, precisou González.

O presidente da asociación impulsora do proxecto -conformada polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño- puxo de manifesto a dificultade que entraña obter o distintivo da UNESCO, pero tamén recalcou a súa exclusividade, “ao mesmo nivel que un Patrimonio da Humanidade”.

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, apuntou que o convenio asinado esta mañá “será de grande axuda” para trasladar ao ámbito territorial do proxecto todas as actuacións previstas no programa de traballo inmediato. “Temos un plan que hai que sacar adiante, agárdannos meses moi intensos”, dixo a rexedora engadindo deseguido que se finalmente a candidatura resulta aprobada pola Comisión estatal  “teremos diante nosa unha oportunidade que non podemos desaproveitar”. Bascoy incide a este respecto en que cómpre que a asociación promotora, os concellos e os distintos colectivos  “debemos funcionar de maneira moi coordinada pensando no conxunto do territorio e tendo moi claros os obxectivos que perseguimos, e levándoos todos a cabo, obviamente, porque cada ano que pasa hai máis aspirantes a xeoparque e no futuro vai ser moitísimo máis difícil obter o recoñecemento da UNESCO”.

A rexedora local referiuse tamén ás posibilidades de desenvolvemento que traería aparelladas o selo internacional. “Ser xeoparque significa xeoloxía excepcional, intercambiar coñecemento con outras partes do mundo e favorecer que a veciñanza saiba desa riqueza e a valore. E ser xeoparque supón máis turismo de calidade, do que vén e percorre os lugares sen présa buscando coñecelos a fondo. Turismo que disfruta da boa mesa, que compra produtos da terra de calidade e diferenzados. Tamén son turistas de ciencia e turistas que queren contar con alguén que lles faga de guía explicándolles por que é tan especial a nosa paisaxe xeolóxica, natural e patrimonial. Todo está relacionado, todo iso pode crear riqueza, riqueza sostible”.