O Vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, e maila deputada de Igualdade e Normalización Lingüística, María Muíño, visitaron Moeche esta mañá para interesarse pola marcha dos proxectos financiados no municipio con fondos provinciais durante 2020, practicamente todos xa rematados, ademais de coñecer de primeira man os incluídos no POS e no Plan Complementario para este ano, que superan en conxunto os 430.000 euros. Porén, durante a visita os representantes da Deputación tamén se achegaron ao castelo, onde a área de Turismo se comprometeu a investir arredor de 50.000 euros na actualización dos contidos expositivos da fortaleza, adaptándoos ademais ás novas tecnoloxías mediante realidade aumentada.

Tal e como explica a rexedora, Beatriz Bascoy, os módulos expositivos do Centro de Interpretación “están obsoletos e non son nada prácticos”, ademais de precisar unha actualización para ampliar a difusión do papel que desempeñou a fortaleza como escenario das Revolucións Irmandiñas. Por outra banda, segundo explicou a alcaldesa, as instalacións tamén requirirían novos paneis que lle axuden ao visitante a “comprender o significado e os usos que tiña cada espazo”.

Para levar a cabo a renovación “da parte máis cultural do castelo”, a Deputación comprometeu unha achega de arredor de 50.000 euros, aínda que a contía final se reflectirá con maior precisión  no momento en que o Concello solicite a colaboración formal do ente provincial e achegue o correspondente proxecto. No documento reflectirase o reaproveitamento dos contidos actuais e a súa integración cos que se produzan de novo, así como a instalación dos soportes máis axeitados para ofrecer unha visión xeral sobre a relevancia histórica e arquitectónica do conxunto e de cada unha das súas dependencias. Neste sentido a área provincial de Turismo aposta polos soportes físicos, pero tamén por crear novas experiencias “por medio da realidade aumentada”, de cara a asegurar que a actualización que se leve a cabo “perdure e sexa moderna”, adiantou Xosé Regueira.

Colaboración provincial na atención a visitantes
Alén desta acción puntual, a Deputación da Coruña mantén a súa colaboración anual co Concello de Moeche para atender as visitas á fortaleza, que se triplicaron nos últimos anos. A través de achegas provinciais que ascenden a uns 22.000 euros fináncianse os contratos do persoal da Oficina de Información Turística e da atención a visitantes no Centro de Interpretación do castelo.

Beatriz Bascoy comentou a este respecto que  “se non fose por colaboracións coma estas da Deputación”, a concellos con recursos económicos “moi escasos” como é o de Moeche “seríalles imposible manter a atención turística tanto á veciñanza como á comarca”. Xosé Regueira engadiu sobre esta cuestión que “cómpre dárlle unha volta” ao financiamento local para que os municipios “con orzamentos pequenos e medianos” se vexan beneficiados dunha “discriminación positiva” que lles dea capacidade suficiente para manter os seus bens como parte dunha estratexia que axude ao desenvolvemento económico e á fixación de poboación: “o patrimonio do rural ten que ser unha potencialidade, non un problema para os concellos”, dixo o Vicepresidente da Deputación.

Máis de 430.000 euros de investimento do Plan Único
Durante a visita realizada hoxe a Moeche, Xosé Regueira e María Muíño tamén percorreron algunhas das actuacións acollidas aos programas de financiamento provincial. Regueira destacou a “boa xestión” do Goberno local aludindo ao feito de que o Concello ten practicamente listas todas as obras que se acolleron ás liñas do POS+ do ano pasado, referidas na súa maioría á rede viaria e a actuacións de aforro enerxético.

O Vicepresidente tamén lembrou que para este 2021 o consistorio disporá de 216.000 euros para novos proxectos e gasto corrente, así como doutros 218.000 correspondentes ao Plan Complementario, que se executarán na medida en que o ente provincial libere remanentes económicos para levalos a cabo.

Cabe mencionar, por outra banda, que a Deputación tamén colaborou con 88.794 euros nas obras do Centro de Apoio ao Medio Rural e que proximamente se suscribirá un convenio a tres bandas con San Sadurniño para aglomerar o eixo A Camba-A Ponte do Sur, cuantificado en 275.000 euros.

O castelo abre  este xoves
O castelo de Moeche reabrirá este xoves as súas portas con horario até o domingo de 11 a 14 e de 16 a 19 horas. Durante abril só estará aberto nas fins de semana e iniciará os horarios habituais de primavera-verán no mes de maio.

Como aliciente engadido cabe recordar que no Centro de Interpretación estará instalada ata setembro unha colección de maquetas feitas con bloques de Exín Castillos na que se poderán ver a escala espectaculares reproducións da fachada do Obradoiro da catedral de Santiago, da torre dos Andrade en Pontedeume ou do castelo de Pambre, entre outras. A elas sumarase dentro duns días unha de pequeno tamaño do propio fortín medieval de Moeche que será substituída en agosto por outra de maior envergadura e detalle.