“O lavadoiro” é un programa piloto provincial que se vai desenvolver conxuntamente en Moeche e San Sadurniño centrado na prevención, formación e sensibilización arredor da violencia machista. O proxecto pretende crear unha rede veciñal de proximidade á que calquera muller poida acudir para atopar consello e axuda, sobre todo se se sente vítima dunha situación de violencia física ou psicolóxica, ademais de promover un novo modelo de masculinidade comprometido coa igualdade. A área de Igualdade da Deputación, o Concello e a cooperativa Arabías -coordinadora da iniciativa nos dous municipios- programaron unha presentación aberta a entidades e público en xeral que terá lugar no Centro Cultural Francisco Piñeiro este venres 25 de febreiro a partir das 18:30h.
O nome do programa elixiuse por ser os lavadoiros públicos lugares que antano servían de foro no que conversar, compartir experiencias e intercambiar coñecementos que, ademais, contribuían a afianzar vínculos afectivos e de soporte mútuo entre as mulleres “e convertíanse tamén en espazos de resistencia fronte á violencia machista”, tal e como se indica no folleto informativo do proxecto.
A diferenza daqueles lavadoiros hoxe en desuso, o programa promovido pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña “xorde para crear un espazo de encontro feminista que lle dea entrada aos homes e os emprace a lavar conxuntamente os trapos sucios do machismo de forma aberta e pública”. “Un espazo para cosntruírmos outras maneiras de relacionarnos e bentratarnos en igualdade que posibiliten a erradicación da violencia machista. Porque os trapos sucios non se lavan na casa, a violencia machista non é algo privado”.
Con este punto de partida, “O lavadoiro” ofrecerá os seguintes servizos:
- Atención psicolóxica dirixida a mulleres en situación de violencia machista
- Formación especializada para mulleres que queiran formar parte dunha rede de prevención e apoio ante situacións de violencia machista, pero tamén para homes que queiran avanzar cara a outros modelos de masculinidade afastados da violencia e da discriminación das mulleres. No apartado formativo tamén entraría o persoal técnico municipal, de cara a garantir a integración transversal do principio de igualdade de xénero a nivel municipal.
- O programa tamén traballará en colaboración coa Mesa de Cooperación Interinstitucional contra a violencia de xénero -da que forman parte entes dos dous concellos, como os centros de ensino, os servizos de atención médica, a Garda Civil, partidos políticos e persoal municipal- para planificar accións concretas de prevención e sensibilización neste ámbito.
Para dar a coñecer este programa, a Deputación, o Concello e Arabías farán unha presentación pública este venres 25 de febreiro a partir das 18:30h no Centro Cultural Francisco Piñeiro. A finalidade do encontro é explicar o seu contido e como se vai levar a cabo a iniciativa, cuxo éxito vai depender de que haxa a máxima implicación social. Por este motivo hoxe enviaráselle convite ás entidades do territorio e pídese que tamén acudan ao acto todas aquelas veciñas e veciños que queiran sumarse á rede de apoio a título individual. Para ampliar información pode contactarse co departamento municipal de Servizos Sociais no 981 404 006.
Dado que se trata dun programa compartido por Moeche e San Sadurniño, quen o prefira tamén pode acudir á presentación que vai ter lugar na Casa da Cultura do concello veciño ese mesmo día ás 16:30h.
Últimos comentarios