O Concello comprometeuse no último pleno ordinario coa celebración do Ano Castelao, que conmemora o 75º cabodano do escritor e galeguista. Dentro dos compromisos está a de nomear a biblioteca municipal co nome “Biblioteca Alfonso Daniel Rodriguez Castelao” e, ademais, durante a última quincena do mes de xullo pode visitarse na sala de exposicións do Castelo de Moeche unha exposición cedida polo Concello de Cedeira que repasa a vida e obra do intelectual galeguista.

A mostra, titulada “Castelao. 75º Cabodano”, está aberta desde este mércores na sala de exposicións do Castelo de Moeche. Nela xúntanse 16 paneis explicativos sobre a súa traxectoria artística, literaria, vital e política cunha colección de 75 libros coas súas obras ou con ensaios e investigacións arredor da súa figura.

A exposición, impulsada e deseñada polo de Cultura do Concello de Cedeira, pode visitarse desde hoxe na sala de exposicións do Castelo de Moeche e estará aberta ata o domingo 3 de agosto nos horarios de apertura do mesmo: mércores, xoves e venres: de 11:00 a 13.30 e de 16:00 a 19:00 e sábado, domingo e festivos: de 11:00 a 14:30 e de 16.00 a 20.00.

O xoves 1 de agosto, “Castelao, un corazón á intemperie”
Ademais desta exposición, o vindeiro xoves 1 de agosto, o Polideportivo Municipal acollerá ás 12:00h e con entrada libre a proposta “Castelao, un corazón á intemperie”, a nova produción de Fantoches Baj para público infantil e familiar. Trátase dunha proposta de narración oral, monicreques, música tradicional e teatro de máscaras que busca dar a coñecer a Castelao entre os nenas e os nenos, reler e interpretar parte da súa obra e poñer en valor o galego. Esta obra fai parte da programación que a Área de Lingua da Deputación da Coruña achega a diferentes concellos da provincia neste ano Castelao.

Biblioteca “Alfonso Daniel Rodriguez Castelao”

O Concello aprobou no último pleno dedicarlle o nome da biblioteca municipal á figura de Castelao, así como a completar os fondos da biblioteca ata dispoñermos da obra completa do autor.