Moeche pechou cerca das 15.00h. deste sábado a segunda edición da Feira da Faba, organizada polo Concello en colaboración coas asociacións veciñais do Val de Moeche e de Labacengos e coa Deputación da Coruña. Malia a chuvia, a mañá foi un constante ir e vir de xente na procura de faba dunha chea de variedades, aínda que con maior predilección polas de ril e polas de Lourenzá. O Concello fai balance cualificando a xornada como un éxito tanto pola afluencia de público como pola boa saída que tivo o produto, procedente de pequenas explotacións da zona pero tamén de lugares con longa tradición fabeira como a Mariña luguesa.

O movemento na carpa instalada para o evento comezou pouco despois das dez e media da mañá, hora á que tamén empezan a encherse habitualmente as feiras mensuais do 11 e do 23. Debaixo dela había moito onde elixir e de moi boa calidade, tanto de aquí como de fóra. E é que nesta feira das fabas de Moeche se xuntaron catro puntos de venda do propio municipio e de zonas limítrofes como Bardaos ou Cerdido, ademais de produtores do norte de Lugo -agrupados na cooperativa Terras da Mariña- que achegaron tanto froito seco como produto xa elaborado.

Canda eles tamén acudiu á cita un comercializador de Ferrol cun completo mostrario doutras legumes ademais de fabas -garavanzos, frijoles, etc.-, unha fábrica de chocolates de Ribadeo e mesmo un expositor con distintos tipos de meles procedentes das Grañas do Sor, no concello de Mañón.

De entre toda a variedade ofertada, as fabas que mellor saída tiveron foron as pequenas verdinas, as de ril e as de Lourenzá, que contan con  Indicación Xeográfica Protexida propia. Unha das produtoras de Moeche que foron á feira, Fina Rego, mostrábase satisfeita polas vendas desta variedade, a única que ela cultiva “desde hai 35 anos que as trouxen de Asturias. Eu úsoa para todo: para a fabada, para o caldo…”.

José Luis Sanjurjo, outro produtor local, tamén tiña á venda faba da mesma variedade que a de Lourenzá -esa denominación oficial só poden usala as explotacións amparadas pola IXP- e faba tipo ril. Igual que Fina mostrábase satisfeito por como fora a mañá: “ben, ben, foi moi ben, houbo boas vendas e está moi ben que se fagan eventos deste tipo”. Na mesmo sentido comentaba o día Lorena Piñeiro, da cooperativa Terras da Mariña, “houbo moita xente e moi boa acollida para o noso produto”. Piñeiro valorou o evento como “moi positivo” e non ocultou as súas “ganas de volver” para o ano se se volve organizar.

Todo apunta a que si, que para o ano volverá haber Feira da Faba en Moeche. A alcaldesa, Beatriz Bascoy, fixo tamén un “balance positivo” da súa segunda edición a pesar de que o tempo non foi propicio durante boa parte da mañá. “Os produtores din que venderon ben, que están contentos… e nós contentos tamén, con ánimo de facer unha terceira edición”, comentou a rexedora local.

Bascoy lembra que un dos obxectivos deste encontro é o de promocionar un cultivo tradicional ao que se lle quere dar pulo, pero tamén dinamizar o rural: “hoxe había 4 produtores de Moeche, a xente empeza a ter ansia de poñer fabas. Incluso hai xente nova, por exemplo viveiros As Torres, que se viñeron asentar aquí e o noso deber é apoiar esas iniciativas”. Por outra banda, a alcaldesa tamén explica que tanto esta feira das fabas como a do gando vacún do pasado 23 de setembro, son un reforzo para as tradicionais feiras mensuais do 11 e do 23, ás que tamén se lle suma o monográfico arredor do queixo que se celebra en marzo.

A II Feira da Faba de Moeche finalizou pasadas as 14.30h. E fíxoo coa música do home orquestra César Freiría, máis coñecido polo nome artístico de Cé Orquestra Pantasma. A esa hora servíanse as últimas racións da fabada preparada polas asociacións veciñais de Labacengos e do Val de Moeche que colaboraron na organización. Na presente edición repartíronse máis de 300 cuncas.