Quedan só uns días para que Moeche volva vibrar cos golpes secos das ferraduras sobre o asfalto e co ambiente festivo da feira máis grande de todo o calendario anual. Este sábado 23, día de San Xurxo, o concello recupera a feira cabalar co seu formato pre-pandemia, aínda que con varias novidades. As dúas máis reseñables son a da coorganización man a man entre o Concello e a Asociación ecuestre 23 de Abril e, quizais a máis importante, a inscrición obrigatoria a través do correo electrónico para as probas de andadura e trote. O prazo para anotarse rematou o pasado sábado e a organización está enviando xa os correos de resposta coa confirmación das inscricións. Un proceso no que se está verificando unha a unha cada petición e que se prevé ter completado este xoves día 21. En total recibíronse 178 solicitudes de participación, arredor de 40 máis que na feira de 2019. Con todo, un bo número delas están incompletas ou conteñen erros que as cabaleiras e cabaleiros deberán corrixir antes do 21. Ademais nos últimos días tamén houbo certa confusión ao respecto de como se van desenvolver as probas e a feira en xeral. Cuestións que a organización quere aclarar para evitar equivocos. O máis destacado é o seguinte:

Primeiro: A participación nas probas de andadura chapeada, andadura serrada e trote É GRATUÍTA, como foi sempre, e tamén É GRATUÍTA a asistencia á feira como público. O único que é de pagamento -e de aí a confusión- será o espectáculo Duende Ecuestre que terá lugar ao carón do pavillón municipal a partir das 17:00h. As entradas poden retirarse polas mañás no Concello e a recadación destinarase á Asociación Galega de persoas Afectadas de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA).

Segundo: A inscrición por correo electrónico só é obrigatoria para participar nos concursos. As persoas que desexen vir á feira no seu cabalo tamén poderán facelo como se fixo toda a vida, coa diferenza de que non poderán acceder á pista mentres se estean desenvolvendo as probas nin tampouco nos tempos de espera entre cada unha delas. Dito doutra maneira: quen queira probar a pista sen ter inscrición deberá agardar a que rematen todas as probas de andadura e trote.

Terceiro: As inscricións pecháronse o 16 de abril e xa non hai posibilidade de anotarse. Tal e como se establecía nas basesa organización non admitirá nos concursos ningunha solicitude enviada despois desa data nin tampouco as que se pretendan facer o mesmo día.

Cuarto: A organización está revisando todas as peticións que entraron en prazo e confirmarállelas ás cabaleiras e cabaleiros por correo electrónico antes do día 21 (aconsellamos revisar a carpeta de spam). Entre as solicitudes recibidas até o día 16 hai moitas que chegaron con datos incompletos ou con erros. É imprescindible que todas as persoas que recibisen un correo pedíndolles que emendasen a información o fagan como moi tarde o día 21 de abril para poder pechar as listas de participantes o antes posible.  Recordamos que datos hai que mandar: UELN, chip, REGA, datos da persoa propietaria (nome e apelidos, DNI, enderezo e teléfono), categoría ou categorías nas que se quere participar, altura do animal maior ou menor de 1,5 m e matrícula do transporte e datos da persoa transportista.

Quinto: Aínda que se envíe por correo toda a documentación, o día da feira tamén haberá que tela á man posto que poderá ser requirida pola organización en calquera momento. Ademais, en atención ás recomendacións de Medio Rural para previr contaxios da gripe equina, prégaselles ás cabaleiras e cabaleiros que durante estes días vixíen a temperatura dos seus animais e que non acudan á feira -aínda tendo inscrición- se os cabalos ou eguas presentan síntomas. A veterinaria ao cargo da inspección sanitaria non autorizará a descarga de ningún animal con sintomatoloxía coincidente coa da Influenza Equina.

Sexto:  Aquelas persoas dos 14 aos 17 anos que se inscribiron como xinetes ou amazonas deben entregarlle á organización o propio día da feira a autorización correspondente asinada pola nai e o pai, ou por quen exerza a súa titoría legal. Mentres permanezan no recinto das probas deberán estar na compaña dun dos proxenitores ou titor/a legal. O documento poden adiantalo mandándoo ao correo de inscrición, xa sexa escaneado ou mediante unha foto, pero o día das probas terán que entregar igualmente o orixinal. Recórdase que a rapazada menor de 14 anos NON pode participar nos concursos nin acceder á pista en ningún momento mentres se estean desenvolvendo as probas ou nos tempos de espera entre elas.

Sétimo: A organización do 23 de Abril prega a máxima puntualidade das persoas inscritas para non demorar o desenvolvemento dos concursos de andadura e de trote. Os horarios publicaranse nas redes sociais na noite do día 21, ademais de enviarse ao correo de cada participante. As medicións comezarán ás 9:00h do día da feira preto da tenda de Luís Pazo -na parte baixa da pista- e só se lles tomará a medida aos animais inscritos nas categorías de menos de 1,5 metros de altura á cruz.

Oitavo: As probas comezarán a iso das 10:00h seguindo a mesma orde que outros anos. Primeiro a Andadura Chapeada, logo a Andadura Serrada e, no final do concurso, a proba de Trote. Nas tres categorías irán primeiro os cabalos de menos de 1,5 metros e despois os de maior altura. As persoas participantes terán 15 minutos para tantear a pista antes do inicio de cada unha das seis probas que se van desputar ao longo da xornada. Se todo vai sobre o horario previsto agárdase poder entregar os premios e os trofeos ás 18:00h.

Noveno: A veciñanza e servizos afectados polo peche de estradas poden recoller os seus pases no Concello desde este martes.

Descargas:
Folla de autorización para menores participantes nos concursos
Bases xerais das probas