Moeche volveu ser a meca do queixo. O bo tempo fixo da xornada unha festa arredor deste produto. Trinta e tres queixerías -18 galegas e 15 do resto do Estado español- participaron na edición deste ano que acadou un novo éxito de público e vendas
O recinto feiral de San Ramón volveu encherse de xente con motivo da celebración da VII Feira do Queixo de Moeche, unha cita que xa está consolidada no calendario de feiras gastronómicas e que reúne a persoas chegadas de toda a comarca e do resto de Galicia arredor deste produto, un dos máis representativos da artesanía gastronómica da zona.
Desde as dez da mañá numeroso público probou e mercou nos 33 postos dedicados ao queixo das diferentes variedades, desde a produción propia de Lácteos Moeche e a dos municipios próximos -Queixos Sanjurjo, Queixos Brigantia, Queixerías do Eume, O Casal ou Campo Capela- ata as chegadas desde o resto de Galicia e do estado Español, con queixerías de Guipúzcoa,Cantabria, Zamora, León, Badaxoz, Valladolid, Ciudad Real e Asturias, de onde é a convidada este ano: Asiegu, a única ecolóxica da Denominación de Orixe Protexida Cabrales. Tamén houbo representación do queixo francés da man do produtor Eric Dafour.
As catas comentadas de Alejandro Montes, da Queixería Marqués de Valladares de Vigo, reuniron a numeroso público interesado en coñecer a opinión dun experto sobre algúns dos queixos que se podían atopar na feira.
No evento vendéronse tamén outros produtos de artesanía alimentaria. Pan, embutidos, chocolates, galletas, zumes, marmelos ou mel tiveron o seu protagonismo neste evento que é xa cita ineludible para moitas familias.
Así, o programa inclúe desprazamentos en tren desde Ferrol e obradoiros para os máis pequenos da casa, que hoxe tiveron a oportunidade de aprender a elaborar queixos e a facer flores con follas de millo.
Entre as persoas asistentes, as máis afortunadas levaron para a casa un lote de produtos da feira, xa que se fixeron seis sorteos entre todas as persoas que realizaron compras ao longo da xornada. A parte musical correu a cargo de Cantaberneiros, e houbo espazo tamén para a maxia co espectáculo de Dani García.
A alcaldesa, Beatriz Bascoy, mostrouse moi satisfeita co éxito da feira e co incremento de público que encheu as naves do recinto de San Ramón durante toda a xornada, xa que “isto é mostra do bo camiño deste feira e da súa consolidación”. Os produtores trasladáronlle á rexedora que o nivel de de vendas foi elevado, factor que desde o Concello consideran fundamental para o desenvolvemento da feira e o seu futuro.
Completáronse todas as prazas nos obradoiros infantís de mañá e de tarde, asi como nas catas, que de novo tiveron moi boa acollida.
Co éxito desta sétima edición, o Concello de Moeche ten xa a vista posta na do vindeiro ano, na que sen dúbida haberá máis novidades para que a feira continúe a medrar e a facer desta localidade unha referencia para as persoas afeccionadas ao queixo. Segundo Beatriz Bascoy é posible que o ano que vén a feira se complemente con algunha exposición de gado, sobre todo para que os máis pequenos saiban de onde ven o leite co que se fai o queixo, que o aprecien, asi como máis obradoiros e máis espectáculos.
Desde Lácteos de Moeche, a queixería local, fixeron un balance moi positivo da feira e mesmo consideraron que foi a mellor edición dos últimos dous ou tres anos. Destacaron sobre todo que a xente foi á feira a mercar, ata o punto de que tiveron que ir repoñer material dúas veces ao longo da mañá. A queixería Asiegu, a única ecolóxica da Denominación de Orixe Protexida Cabrales e que foi a convidada este ano polo Concello de Moeche, expresou tamén a súa satisfacción cunha feira á que viñeron por primeira vez pero na que teñen intención de repetir. A proximidade da organización, a súa disposición para solucionar problemas de xeito inmediato e, sobre todo, o elevado nivel de compradores con respecto a outras feiras nas que “a xente proba o queixo pero non merca tanto como neste feira”, foron os puntos destacados por estes representantes asturianos.
Últimos comentarios