A Feira do Queixo segue batendo récords de asistencia e confirma que o público que acode a Moeche “vén para comprar”  Un ano máis a Feira do Queixo de Moeche superou as expectativas. Ao longo de todo o día o recinto feiral reuniu a multitude de persoas chegadas de toda a contorna para degustar e mercar nalgunha das 35 queixerías participantes nesta oitava edición ou dos 33 postos de produtos agroalimentarios  e 2 de artesania, que fixeron da cita deste ano a de máis elevada participación ata agora.

 

Botou a andar xa  este nova edición  o día anterior, sábado, á noitiña, cando Moeche celebrou o acto inaugural  e presentación da queixería convidada deste edición, ao que asistiu o alcalde de Cerdido e presidente do Xeoparque Cabo Ortegal, Alberto Rey, o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e diferentes representantes de entidades asociativas de Moeche. A continuación  tivo lugar a I Foliada do Queixo, coa colaboración da A.C. Irmandiños de Moeche.

No día grande , o domingo 15, o  recinto feiral recibiu numerosísimo público que degustou e mercou queixo e outros produtos de calidade, verdadeira artesanía alimentaria, ademais de participar no amplo programa de actividades que o Concello de Moeche e a Área de Turismo da Deputación da Coruña ofreceron ao longo da xornada.

A alcaldesa, Beatriz Bascoy, destacou que -a diferencia do sucedido outros anos, nos que a meirande concentración de xente era a mediodía- nesta ocasión e desde ben cedo produciuse unha afluencia de público moi continuada. Os espazos de aparcamento enchéronse coa cantidade de vehículos que se desprazaron ata o recinto feiral de Moeche, e no Tren do Queixo viaxaron ata a localidade 135 persoas. A presenza por vez primeira do mercado de produtos agroalimentarios da Deputación da Coruña foi outro aliciente para atraer a novo público, segundo a alcaldesa, que expresou a súa satisfacción porque desde os postos se lle transmitu que as vendas foron moi elevadas “e que estaban moi contentos, así que se eles están satisfeitos, o Concello tamén”.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira percorreu a feira  coa deputada Sol Agra e con representantes do Concello, a alcaldesa Beatriz Bascoy , e a concelleira de Desenvolvemento Local e deputada de Plans, Cristina ¨García.  Regueira explicou que desde os postos do mercado da institución -dos que a maioría viñan por vez primeira a Moeche- se lles comentou que se produciu un gran impacto, que houbo un público moi interesado e moitas vendas. “Para nós é moi importante porque o obxectivo é dar a coñecer as empresas que están traballando no rural, incorporando xente xove ao sistema de produción de alimentos”, dixo, para engadir que se trata de favorecer que se compren produtos de proximidade. O éxito da Feira do Queixo é tal que Regueira asegurou que “aquí o que nos está dando soporte ao mercado da Deputación é xustamente esta feira e non ao revés pola súa potencia e afluencia de público”. Neste sentido anunciou que á espera de confirmar o quexa lle avanzaron os produtores en canto aos resultados desta presenza en Moeche, é moi probable que o mercado da Deputación repita.

A queixería asturiana Teima, da DOP Afuega’l Pitu confirmou que estivo moi animada, con moi boa disposición de compra por parte dos clientes, e agradeceulle ao Concello que este ano fosen a queixería convidada. Este tipo de feiras, dixo a responsable, son un valor engadido para dar a coñecer o seu produto, no seu caso procedente dunha pequena aldea de oito habitantes onde traballan de maneira totalmente artesanal. Pola súa banda, desde Lácteos de Moeche, queixería local e colaboradora coa organización., confirmouse o constante crecemento da feira. “A verdade é que este ano a promoción foi espectacular e estamos todos os postos vendo que máis queixo tiñamos que ter para vender hoxe”, apuntaron.

A afección polo queixo foi, sen dúbida, o máis importante motivo para atraer visitantes, pero contribuíu tamén o programa que completou a feira, desde as mostras de cociña do prestixioso chef André Arzúa ata os obradoiros de elaboración de queixo e cerámica-  que completaron e ampliaron as súas prazas- , as catas comentadas do mestre queixeiro Alejandro Valladares ou os sorteos. As actuacións dos gaiteiros Fiúncho, Peter Punk Pallaso e De Ninghures -que pechou a actividade- amenizaron a xornada, mantendo en todo momento a actividade arredor do recinto ferial. As persoas que se desprazaron ata Moeche tiveron tamén a posibilidade de realizar visitas ao castelo, no que durante a fin de semana estivo aberta unha exposición de madeira, pintura, cestería e cantería do veciño da parroquia de San Xurxo José Luís Beceiro Calvo, coa colaboración da AVCR Val de Moeche.

Desde o Concello agradécese a colaboración das Agrupacións de Protección Civl do Concello de Neda e do Concello de Valdoviño que se encargaron da orde viaria no desenvolvemento da xornada e do control das zonas de aparcadoiro.