Os Reis Magos de Oriente xa levan varios anos chegando a Moeche antes que a ningún outro lugar e as familias e rapazada ofrécenlles unha recepción como merecen na Nave do Mercado, programada nesta ocasión para a tarde deste domingo 2 de xaneiro. Inicialmente o Concello e máis a ANPA do CEIP San Ramón tiñan organizada unha festa con inchables, bailes e xogos cooperativos, ademais de churros con chocolate ben quentiño. Porén, aínda que Moeche é por agora un dos municipios galegos con menor incidencia da sexta vaga da pandemia, cómpre extremar as precaucións para previr contaxios e aplicar a normativa en vigor. Por esta razón, a festa vai mudar un chisco o seu programa e modificar tamén a maneira en que se ía desenvolver. Iso si, que ninguén se preocupe, xa que Melchor, Gaspar e Baltasar acudirán puntuais á súa cita coa ilusión.

Un dos cambios principais é o da anulación dos inchables e da cama elástica, posto que, segundo comentan desde a Concellaría de Cultura, para que puidesen funcionar faría falla por maior seguridade que as nenas e nenos formasen unha fila ordenada para subir neses xogos de un en un cada vez. Ademais tamén habería que desinfectalos entre cada cativo, de maneira que sería “totalmente inviable que as nenas e nenos puidesen desfrutar destas atraccións, por iso pensamos que era mellor non poñelas”, apunta Iria Couce.

Tampouco haberá o tradicional chocolate con churros, debido a que a normativa de prevención en vigor restrinxe a posibilidade de celebrar cócteles e aperitivos de pé, situación á que podería asimilarse a merenda prevista inicialmente en Moeche.

Ademais, de servirse comida ou bebida, como sería o caso, o acceso ao recinto esixiría a presentación de calquera das tres modalidades do Certificado COVID: pauta de vacinación completa, pcr ou test de antíxenos negativo ou ter pasado xa a enfermidade. O certificado tamén sería obrigatorio se estivese prevista unha asistencia de público superior ás 200 persoas que, segundo a experiencia doutros anos, en Moeche nunca se alcanzou.

Así as cousas, para acudir á recepción real non fará falla traer certificado, aínda que si haberá que cumprir con dilixencia o resto de medidas, como por exemplo a do uso da máscara a partir dos seis anos dentro e fóra da nave, a da hixiene de mans e a da separación interpersoal. Tamén se recorda a obriga de permanecer na casa se se teñen síntomas e recoméndase aplicar a máxima responsabilidade non acudindo á festa se se constatou ou se ten sospeita de contacto con algún caso positivo.

A normativa publicada pola Xunta tamén incide en que os espectáculos musicais se desenvolvan con público sentado e, por esta razón, o Concello e a ANPA retiraron do programa o Cantabaila con La GuaGua por tratarse dunha actividade grupal cuxo principal valor é, precisamente, que a cativería poida bailar e cantar.

O lido ata aquí son todo actividades que se eliminan. Pero festa vai haber e con moito entretemento seguro para os nenos e nenas, a quen van dirixidos os tres obradoiros que se organizan antes da chegada dos Reis:

  • Obradoiro de galletas dos Reis Magos: prepararanse doces con masa fondant e obleas, decorándoas con motivos propios destas datas. Haberá tres quendas de 40 minutos de duración. En cada quenda poderán participar 10 nenas e nenos, dirixidos por unha persoa de monitoraxe.
  • Obradoiro de cartas e sobres: neste caso serán catro quendas de 30 minutos de duración cada unha nas que a rapazada escribirá as cartas, coloreará e decorará os sobres que despois se botarán na caixa de correos real.
  • Obradoiro de bólas rústicas: en tres quendas de 10 nenas e nenos de cada vez, a cativería fabricará vistosas bólas de Nadal usando teas, lazos e follas de acivro.

Estas actividades están programadas entre as 17 e as 19:00h., aínda que os pequenos e pequenas poderán achegarse á Nave do Mercado xa desde as 16:45h para ir escollendo o obradoiro polo que queiran comezar, aínda que despois poderán participar nos outros ata completar as correspondentes quendas.

Os Reis virán, claro que virán
Os obradoiros infantís serán o aperitivo da recepción real. Os Magos de Oriente chegarán a Moeche sobre as 19.00h ou un chisquiño máis tarde e sentarán nos seus tronos para escoitaren o que as nenas e nenos lles queiran pedir.

Tamén ese momento se verá modificado polas medidas preventivas, procurando en todo caso que o seu cumprimento non lle reste maxia e ilusión. Neste sentido, con Melchor, Gaspar e Baltasar xa no seu lugar, os pequenos formarán unha fila para ir achegándose a eles de un en un, pero sen contacto físico (os Magos non sentarán a rapazada nos seus xeonllos), mantendo unha distancia mínima que lles permita saudalos e falar con eles.

Ademais, no empezo da fila haberá unha caixa de correos para depositar as cartas e, no intre de intercambiar comentarios cos Reis, os nenos e nenas tamén poderán coller un pequeno agasallo que terán ben á vista nunha caixa situada diante das SS.MM.

En resume, os Reis virán por Moeche  antes que por ningún outro lugar e, coma sempre, traerán con eles tanta ilusión como bos desexos levarán cando marchen, entre eles o de que 2022 sexa o ano de volver á normalidade.