A nave do mercado de Moeche acolleu no serán de onte o acto de entrega de diplomas dos dous cursos rematados recentemente no marco do proxecto A Fusquenlla. Neles participaron un total de 36 persoas, procedentes dos sete municipios integrados na iniciativa -Cedeira, Cerdido, Moeche, As Pontes, Narón, San Sadurniño e Valdoviño-, así como doutras zonas da provincia. A metade delas completaron a formación principal de 28 horas para seren usuarias das instalacións, mentres que a outra metade obtiveron a certificación de hixiene alimentaria para actuar como axudantes das produtoras e produtores principais.

O curso de capacitación de maior duración estivo centrado en contidos teóricos e prácticos arredor da manipulación de alimentos e as técnicas para a súa conservación, ademais de dedicar unha parte ao manexo con seguridade de todo o equipamento co que contan as instalacións situadas no recinto feiral de Moeche.

O temario incluíu, neste sentido, un primeiro módulo sobre hixiene, prevención de contaminacións, prácticas de manipulación, control de pragas, técnicas de conservación, rexistros sanitarios, etiquetado, etc. Nos módulos 2, 3 e 4 víronse a prevención de riscos laborais, o manexo e limpeza de maquinaria e o cálculo de custes de produción fixos, ademais da levanza de rexistros.

O último apartado do curso -previo á avaliación de coñecementos ocupouse das técnicas básicas de transformación de produtos hortofrutícolas. Esta acción formativa desenvolveuse entre o 15 de marzo e o 19 de abril deste ano e nela participaron 19 produtoras e produtores da comarca, que deste xeito obtiveron a súa acreditación para poder utilizar as instalacións e o equipamento da Fusquenlla.

A maiores, o 20 de abril levouse a cabo unha sesión sobre hixiene alimentaria con outras 17 persoas asistentes, que neste caso se acreditaron para para ofrecerlles apoio en distintas tarefas ás produtoras e produtores principais. Todas elas recibiron onte os seus títulos nun pequeno acto ao que asistiron representantes dos municipios implicados nun proxecto que xa trascende o ámbito comarcal e que, segundo puxeron de manifesto trala entrega, “está aberto á integración de máis concellos, porque hai demanda dun servizo coma este”.

Desde as administracións locais promotoras -Cedeira, Cerdido, Moeche, As Pontes, Narón, San Sadurniño e Valdoviño- tamén se agradeceu o apoio da Xunta de Galicia e principalmente da Deputación da Coruña “para levar a cabo formación e novos investimentos que serían difíciles de afrontar polas administracións locais e, sobre todo, polas produtoras e produtores”. Cómpre recordar a este respecto que no marco do proxecto A Fusquenlla, acaban de adxudicarse en 165.000 euros a adquisición de novo equipamento produtivo e auxiliar, financiado con fondos provinciais e con achegas europeas do Plan Leader. O Concello encargado da adxudicación e contratación foi San Sadurniño.

Novos cursos

Co remate dos cursos para produtores e produtoras principais e axudantes, son xa un total de 150 as persoas certificadas para poder transformar as súas colleitas de horta e froita nas instalacións de Moeche. Ademais, ao abeiro da Fusquenlla -que forma parte da Rede Coworking PEL da Deputación da Coruña- puxéronse en marcha tres iniciativas que xa están comercializando as súas elaboracións.

Porén, a intención dos concellos promotores é continuar ampliando a base social deste proxecto que busca dinamizar a economía rural apostando por produtos de proximidade, da máxima calidade e con todas as garantías sanitarias. Con esa finalidade, desde A Fusquenlla recordan que para participar en futuras convocatorias de cursos é necesario preinscribirse a través deste formulario de Google Drive. Prevese que a próxima acción formativa se desenvolva a comezos do ano que vén. A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña

Nesta liña, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, solicitou unha xuntanza co novo responsable de AGACAL, Martín Alemparte, quen xa coñece este proxecto da súa época como responsable do Xeoparque Montañas do Courel, co obxectivo de establecer novas canles de colaboración.