Unha das primeiras paradas na comarca dos Reis Magos de Oriente foi este venres 3 de xaneiro na nave do mercado en Moeche, que unha vez máis acolleu numeroso público desexoso de recibir os Magos de Oriente.

Mentres os Reis non chegaban, a rapazada puido gozar da festa organizada polo Concello, con obradoiros e inchables e un saboroso chocolate con churros, que elaborou a A.VV Labacengos co leite que nos agasallou Gandería Lavandeira, de Labacengos, e que axudou a servir a Anpa do CEIP San Ramón.

Logo de visitar a Casa do Concello, as Súas Maxestades foron á nave do Mercado repartir larpeiradas e escoitar a rapazada. A ilusión das nenas e nenos encheu a nave e os Reis dedicáronlle tempo e agarimo a cada nena e neno que quixo achegarse.