A unidade móbil da inspección técnica de vehículos agrícolas virá finalmente a Moeche dentro dun mes. Así llo comunicou ao Concello a empresa concesionaria do servizo esta mesma fin de semana, informando de que os días elixidos son o mércores 9 e o xoves 10 de decembro. Como é habitual, a estación asentará no recinto feiral de San Ramón e na web www.sycitv.com xa figuran os horarios de atención: o día 9 de decembro de 9.00 a 13.30h. e de 15.15 a 18.00h. e o día 10 só de 9.00 a 13.30h. Débese solicitar cita previa a través da web ou chamando ao 902 309 000.
Habitualmente tamén se daba a opción de pedir a vez na propia estación móbil ese día pola mañá para encher os ocos libres que puidesen quedar. Pero neste caso, e debido aos retrasos acumulados tras case un ano sen revisións, desde o Concello recoméndase solicitar cita previa o antes posible por calquera deses dous medios en previsión de que a axenda para esas dúas xornadas se encha en pouco tempo.
A unidade móbil situarase no recinto de San Ramón e prégaselle ás persoas usuarias a máxima puntualidade para evitar retrasos innecesarios. É importante, ademais, levar toda a documentación requirida: permiso de circulación, o certificado de características técnicas do vehículo, a tarxeta da inspección técnica e o recibo do seguro.
Para axilizar a inspección -e tamén para ter máis garantías de superala- tamén é aconsellable facer previamente varias comprobacións, como o correcto funcionamento de luces, intermitentes, sinalización de emerxencia e claxon; que as placas da matrícula sexan lexibles; o estado das rodas ou asegurarse de que o tractor frea mantendo unha traxectoria máis ou menos recta. Estas son probas rápidas de facer que, ademais, nos darán unha referencia sobre o estado xeral da maquinaria e sobre se se pode circular con ela de maneira segura, independentemente de que teñamos que pasarlle a revisión.
SYC-ITV Applus+ informou hai unhas semanas de que non prevía pasar itvs en Moeche nin noutros municipios da volta até, polo menos, xaneiro ou febreiro do ano que vén. Unha demora debida, segundo a concesionaria, aos retrasos acumulados por mor do Estado de Alarma. As previsións causaron malestar entre moitos usuarios e usuarias, tendo en conta que a prórroga da vixencia das inspeccións decretada polo Goberno central expira este luns 9 de novembro. Varios concellos, entre eles Moeche, esixíronlle á concesionaria que puxese os medios necesarios para recuperar o tempo que se perdeu durante o confinamento. Ademais, o asunto tamén chegou ao Parlamento de Galicia e ao Congreso dos Deputados, de cara a solicitar unha ampliación da prórroga que lles permita aos vehículos agrícolas circular dentro da legalidade mentres non teñen a posibilidade de pasar a revisión. De momento non houbo cambio normativo ao respecto.
O que si cambiaron foi as datas, cun adianto de aproximadamente un mes sobre as previsións iniciais facilitadas por SYC ITV Applus+. Así, a unidade móbil estará en Moeche o mércores 9 de decembro en horario de 9.00 a 13.30h. e de 15.15 a 18.00h. O xoves 10 só atenderá en horario de mañá, de 9.00 a 13.30h. Quen non consiga vez para ningún deses dous días pode probar a solicitala para o venres 11 de decembro ou para o martes 15, días en que a estación se traslada ao campo da feira da Barqueira, en Cerdido. Por proximidade tamén hai a posibilidade de pedir cita para o venres 18 ou o luns 21 nas Somozas, para o venres 18 en Vilaboa ou para o 21 de decembro en Santa Mariña do Monte.
As citas hai que pedilas a través da web www.sycitv.com ou chamando ao 902 309 000.
Últimos comentarios