O vindeiro sábado 25 de outubro Moeche volva renderlle tributo ás fabas, unha feira coa quere poñer en valor este produto, manter viva unha tradicion do noso concello e promover a recuperación dun cultivo tan importante no pasado. Tal era así que mesmo había quen viña desde Asturias e Lourenzá buscar a faba a Moeche. Hoxe, a cousa é ben diferente, máis este legume pode ofrecer unha boa oportunidade para diversificar a economía do noso agro.

O programa feiral está practicamente pechado e, igual ca na pasada edición, concentrarase entre as 10.00 e as 15.00h para coincidir co desenvolvemento do mercado dos sábados. Por iso, por cadrar co mercado, na nave de San Ramón atoparemos todo tipo de produtos frescos e elaborados -queixos, pan, verdura, doces, froita, peixe e marisco fresco…- e, como non, fabas da máxima calidade traídas por pequenas explotacións da zona e doutras partes de Galicia.

Todas as persoas interesadas en participar co seu posto neste mercado especial da faba poden consultar as bases no enlace ao final da nova, así como o modelo de solicitude, que poderá presentarse, xunto coa documentación requirida nas bases, desde o vindeiro luns 29 de setembro e até o 10 de outubro na sede eléctrónica do concello ou de xeito presencial.

A xornada estará amenizada pola actuación da charanga Vai Rañala Meu, concurso de debagado de fabas, o sorteo de lotes de produtos e a degustación a prezos populares, das saborosas e abundantes racións de fabada preparada pola AVV de Labacengos.

Programa da IX Feira das Fabas de Moeche
10.00h Apertura dos postos de exposición e venda de faba, ademais dos habituais de todos os sábados con produtos locais e artesanía.
12.00h Concurso de debagado de fabas para persoas adultas e rapazada.
12.15h Obradoiro infantil da man de MOUPI Regalos.
12.30h Inicio da degustación de fabada (prezos populares) elaborada pola AVV de Labacengos
13.00h Actuación da charanga Vai rañala meu ! (Rede Cultural da Deputación da Coruña)
14.00h Sorteo de lotes de produtos da feira. Os boletos entréganse de balde por cada compra efectuada na xornada.
15.00h Clausura da feira.

Nesta novena edición da feira das fabas de Moeche, o Concello conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña e da AVV de Labacengos.

Documentación descargable:
BASES DE PARTICIPACIÓN
FORMULARIO DE SOLICITUDE | Formato editable
FORMULARIO DE SOLICITUDE | Formato PDF