O Concello contratou esta semana de novo un técnico de Turismo que desenvolverá accións de dinamización turística ademais da atención e información ao público. Con esta contratación bota a andar a Oficina de Turismo do Concello de Moeche, por cuarto ano consecutivo, financiada pola Deputación da Coruña. A contratación prolongarase durante un período de 7 meses – nos meses en que o municipio recibe maior número de visitas- e está financiada cunha subvención de 10.183,24 euros da Deputación da Coruña e unha achega do Concello de 2.000,00 euros.
Desde este xoves da Semana Santa , 1 de abril, Moeche conta tamén este ano coa Oficina de Turismo que prestará servizo ao público de mércores a domingo en horario de mañá e tarde. O labor do técnico municipal desdobrarase entre a Casa do Concello e o castelo.
A Oficina de Turismo estará aberta na Casa do Concello de mércores a venres polas mañás; e no Castelo as fins de semana e días festivos e a partir de maio tamén no castelo polas tardes de mércores a venres; os luns e martes serán os días de descanso, polo menos ata verán en que abrirá tamén os martes.
O Concello de Moeche acolleuse á liña de subvencións para contratar persoal técnico de Turismo convocada pola Deputación da Coruña,como xa fixera o pasado ano. Recibiu unha subvención de 10.183,24€ para financiar os gastos da contratación (seguridade social e salario) dun técnico ou dunha técnica de turismo 7 meses, 30 horas á semana. O Concello achega 2.000,00 euros para a contratación.
No pasado mes de marzo desde o Concello solicitóuselle ao Servizo Público de Emprego o envío de candidatos e candidatas que cumprisen os requisitos da convocatoria da Deputación da Coruña para a posterior selección, tras a presentación da documentación requirida nas bases -identificación, certificacións académicas e de méritos-
O técnico contratado, Ramón Carballeira, encargarase de ofrecerlle a quen nos visite información turística sobre o territorio e desenvolverá accións de dinamización turística máis aló da atención ao público e as visitantes do castelo, como por exemplo a preparación de contidos específicos para folletos ou para a web municipal, a asistencia na planificación de rutas, nomeadamente as relacionadas co coñecemento xeolóxico do territorio ou aquelas que inclúan outros elementos patrimoniais e culturais e a promoción do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal. En relación co xeoturismo-, dentro das funcións do técnico tamén se encontra a aplicación en Moeche das liñas de actuación marcadas no plan estratéxico do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.
Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña
A Deputación colabora tamén co Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña
Ademais de axudar na posta en marcha dun servizo de información turística xeral para os próximos meses, a Deputación da Coruña tamén colaborou nestes tres ultimos anos economicamente no funcionamento do Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña. Á espera da publicación da concesión da subvención, o Concello elaborou xa as bases para a renovación da bolsa de emprego de persoal técnico do Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña co fin de convocar as probas selectivas. A axuda provincial permite manter aberto o recinto durante todo o ano -agás nos períodos de descanso e de peche por mantemento.
Horarios da Oficina de Turismo
De abril a outubro
De mércores a venres
- Casa do Concello: 11.00 a 14.00
- Castelo de Moeche: 16.30 a 19.00 h (a partir do mes de maio)
Sábados, domingos e festivos
- Castelo de Moeche: 11.00 a 14.00 h e 16.00 a 19.00 h
Enlaces convocatoria contratación persoal oficinas de turismo
Últimos comentarios