O luns 20 abrirá de novo as portas ao público a piscina municipal de Souto Grande nun marco de nova normalidade que xa non limita o uso das duchas e vestiarios e permite ampliar ao aforo respecto do ano pasado. Pero xa o domingo 19 estará aberta exclusivamente para un público moi especial, a rapazada do CEIP San Ramón e as súas familias, na celebración da festa de fin de curso organizada pola ANPA do CEIP San Ramón, como vén sendo habitual nos últimos anos, coa colaboración do Concello.
Os prezos públicos da piscina serán serán os mesmos do pasado ano, 1,50€ para entradas individuais infantís -ata 12 anos- e 2,80€ para persoas maiores desa idade, mentres que as familias non terán que pagar polas nenos e nenos menores de 3 anos. As entradas puntuais de cada día poderanse mercar no ambigú da área recreativa. Como sempre temos a posibilidade de adquirir o abono para toda a temporada, que compensa ben xa que axiña se desconta. Os prezos están fixados en 15€ para os abonos infantís, 30,50€ no caso dos de maiores de 12 anos e ademais hai abonos familiares con acceso ilimitado de ata catro persoas -con vinculación ata un 3º grao- por un prezo de 58,50 euros, que se incrementará logo de 10 en 10 euros por cada membro que se incorpore ao bono.
Os abonos da temporada poderán solicitarse presencialmente no Concello a partir do 6 de xuño, en horario de 9 a 14.00h. de luns a venres, ou ben a través do correo daniel.feijoo@moeche.gal, por medio da Sede Electrónica, ou ben chamando ao 981 404 006 (ext. 3) en horario de mañá.
Para a veciñanza de Moeche manterase unha reserva dos abonos durante os primeiros días -do 6 ao 10 de xuño- o 75% dos abonos dispoñibles. A documentación que se debe presentar para solicitalos é unha copia do DNI da persoa aboada, unha foto tamaño carné e o xustificante do pagamento da taxa e, por suposto, cubrir a ficha correspondente.
O horario da piscina nesta temporada de verán comeza o 20 de xuño e remata o 11 de setembro, ambos días incluídos. En xuño permanecerá aberta de 16 a 21.00h. de luns a venres e de 14.00h. a 21.00h. os sábados e domingos. Durante os meses de xullo e agosto, de 15.00 a 21.00h. pola semana e de 14.00. a 21.00h. os sábados, domingos e festivos, ademais de reservar as mañás de 12 a 13.00h. para cursos de natación. E xa en setembro abrirá de 16.00 a 20.00h. de luns a venres e de 14.00h. a 20.00h. durante as fins de semana.
Mantemento e socorrismo
O Concello aprobou esta mesma semana a contratación do servizo e socorrismo, do que se encargará a empresa Sedega, por importe de 11.267,40 €; e do servizo de posta a punto e mantemento inicial – baleirado, limpeza e desinfección do vaso antes de volver enchelo control inicial da calidade sanitaria da auga – , do que se encargará a empresa Xemade por un importe de 3.860 ,00 euros. A isto hai que sumarlle os gastos do servizo de mantemento durante toda a tempada : limpezas diarias da lámina e de repasar o fondo do vaso cada dous días, control dos equipamentos de depuración e dos parámetros da auga, material limpeza e desinfección, enerxía eléctrica e auga, mantemento zonas verdes na piscina e na área recreativa.
Área recreativa e período de altas temperaturas.
Recórdase que durante o período de máximo risco de incendios -do 1 de xullo ao 30 de setembro- só se poderán facer churrascadas nas lareiras de pedra habilitadas e sempre cerciorándose antes de que o Índice de Risco Diario de Incendio (IRDI) non estea en Moeche no nivel extremo. Así mesmo, lémbrase que non se permitirá o acceso de cans (salvo os de guía).
Documentación descargable:
Abono familiar PDF /EDITABLE
Últimos comentarios