O Concello tiña previsto celebrar esta mañá un pleno infantil coa participación dos nenos e nenas do colexio público para falaren, entre outras cuestións, da celebración do Día Internacional da eliminación da violencia de xénero. Porén, a alerta laranxa por causa do vento trastocou o programa e, ao final, a sesión tivo que adiarse. Aínda así a cativería fixo ver na biblioteca do centro de ensino que son unha xeración comprometida coa igualdade e coa erradicación de todas as violencias que sofre a muller polo feito de ser muller. Foi no transcurso da entrega dos premios do décimo certame de lemas organizado polo Concello entre a comunidade escolar, no que participaron cerca dunha trintena de alumnas e alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria. A alcaldesa, Beatriz Bascoy, entregou os galardóns e os diplomas do concurso, ademais de camisetas da campaña “En negro contra as violencias”, da que Moeche forma parte desde este ano.

A rexedora explicoulles aos nenos e nenas que esta iniciativa ten como obxectivo “manifestar que non estamos de acordo coa violencia contra as mulleres e contra as fillas e os fillos desas mulleres”. Bascoy convidou á cativería a lucir as camisetas co lema “Moeche en negro contra as violencias” en sinal de compromiso co necesario cambio que se ten que dar para lograr unha sociedade con igualdade real entre mulleres e homes e libre de violencia de xénero.  “Usade as camisetas, poñédeas para apoiar este movemento”, dixo a alcaldesa.

A practica totalidade dos 60 alumnos e alumnas do centro xuntouse na biblioteca para recibiren cadansúa camiseta e para saber quen ganou este ano o concurso de lemas co gallo do 25N. Un certame dirixido aos cursos de máis idade que combina a creación literaria e gráfica coa concienciación a través de mensaxes de non máis dunha ou dúas liñas.

No medio de grande expectación e un certo desacougo nervioso da cativería entregáronselles os diplomas aos 29 participantes, deixando para o final os tres primeiros premios. Así, cara ao final do encontro, a alcaldesa deu a coñecer o fallo do xurado, que nesta décima edición recompensou os traballos de  Saray Castro, Daniel Moreno e Nuria Fernández.

Saray -alumna de 6º curso-  fíxose co máximo galardón cun pareado escrito en cores no que deixa claro que a eliminación das violencias machistas é cousa de todas e todos, do día a día: “Queres axudar? Pois contra a violencia de xénero terás que loitar”. O segundo premiado, Daniel Moreno -alumno de 5º- tirou polo debuxo para facer unha chamada á reflexión por parte do maltratador: “Non maltrates ás mulleres, iso está mal. Pensa un pouco e cambia xa”. O terceiro premio levouno unha acertada e breve mensaxe que ben podería protagonizar por si unha campaña do 25 de novembro. A súa autora, Nuria Fernández, debuxou uns beizos pechados cunha cremalleira e, ao seu carón, dúas frases: “¡Estamos ao teu lado!. Non cales”, coas que pon o acento sobre o acompañamento e o apoio ás vítimas, pero tamén sobre a necesidade de que se denuncie o maltrato.

A alcaldesa destacou a calidade dos lemas presentados ao concurso -“todos eles ganadores”, segundo Bascoy- insistindo, ademais, na importancia de impulsar accións de sensibilización entre a rapazada e a mocidade. “A violencia machista é un problema social con múltiples vertentes e tamén múltiples camiños que se deben seguir para rematar con ela. Un dos máis importantes é o traballo coa infancia e a adolescencia. A través da educación e a coeducación minimízase a posibilidade de que no futuro se desenvolvan condutas machistas que, ademais, poidan derivar en violencia. Desde as institucións sabemos que non abonda só con iso, pero si é unha parte fundamental da loita”, asegurou Beatriz Bascoy.

Todos os lemas do concurso pasarán formar parte dun grande mural que se exporá no recibidor da Casa do Concello. Na sede municipal tamén está pendurada desde hai uns días unha grande pancarta da campaña “En negro contra as violencias”, suscrita por 75 concellos e as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, así como por case 5.000 establecementos comerciais, empresas e outras entidades. Neste sentido, desde a área de Benestar social e Igualdade lémbrase que no rexistro municipal hai cartelería e outro material gráfico que calquera pode recoller para colocar en fiestras e escaparates. Por outra banda, o sábado serán as asociacións do municipio quen reciban camisetas negras coas que expresar o seu rexeitamento das violencias de todo tipo que sufre a muller en todo o mundo.