Unha representación do Consello Local da Infancia e a Adolescencia de Moeche participou esta mañá no X Foro de Participación Infantil promovido polo Parlamento de Galicia e Unicef, como evento previo á celebración do Día Mundial da Infancia do próximo domingo. Ao foro acudiron, ademais do CLIA de Moeche, os grupos pertencentes aos concellos de Castelo de Miño, Moaña, Ponteareas, Redondela, Teo, Ames, Viveiro, Burela, Nigrán, Tomiño e Cabanas (con quen compartiron bus). Na xuntanza deuse conta das conclusións ás que se chegou no Sétimo Encontro Estatal de Consellos Locais de Participación infantil e adolescente que tivo lugar en Cáceres do 4 ao 6 de novembro, centrado este ano na saúde mental e na non discriminación. O CLIA de Moeche foi o encargado de pechar o foro cunha intervención na que abordou os temas traballados durante a mañá, ademais de facer un chamamento para seguir avanzando cara aos dereitos plenos da infancia, en favor da igualdade de oportunidades e para pedir que se teñan máis en conta as ideas e propostas dunha rapazada comprometida coa construción dun mundo “mellor para todas e todos”.

Desde as 12:30h, os consellos locais da infancia e a adolescencia de Galicia foron intervindo no hemiciclo para expoñeren as cuestións que formaron parte dos debates celebrados en Estremadura. Así, Castrelo de Miño -primeiro en subir ao estrado- destacou a importancia de que os nenos e nenas “sexan escoitados” no Parlamento e de que se poña en marcha o Consello Galego de Participación Infantil e Adolescente, que nestes momentos está tramitándose, como órgano que lles dea voz nos asuntos de ámbito autonómico.

O CLIA de Moaña, pola súa parte, encargouse de contextualizar os resultados do sétimo foro estatal que logo detallarían as representacións dos demais consellos participantes no X Foro de Participación Infantil. Neste sentido, Moaña, Ponteareas e Redondela trataron os retos dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU que falan da erradicación da pobreza e a desigualdade, dos dereitos humanos e do coidado do planeta.

Na segunda parte da exposición, Ames, Viveiro, Burela, Nigrán e Cabanas ofreceron unha visión sobre os problemas da saúde mental -acentuados pola pandemia- e de que maneira poden supor un factor de discriminación. Tamén analizaron os recursos de atención dispoñibles e formularon varias recomendacións dirixidas tanto á sociedade en xeral como á Xunta de Galicia “para coidar a saúde mental da cidadanía e especialmente de nenos, nenas e adolescentes”.

Propostas recollidas e sistematizadas en orde de prioridade que se ocupou de resumir perante os grupos políticos o CLIA de Tomiño antes de que Carme Casal, como portavoz do consello de Moeche, lese o discurso de peche da sesión. O texto é un alegato a prol da “empatía”, da “igualdade de oportunidades” e da “mellora das condicións de vida das persoas que precisan da nosa axuda, especialmente da infancia e da adolescencia”. Un obxectivo xeral que, para conseguirse, require que rapazada e persoas adultas “falemos e nos escoitemos para aprender conxuntamente”.

Casal pediulle aos e ás representantes políticas do Parlamento “que reflexionedes e busquedes solucións a todos os problemas que se foron expoñendo, para que o mundo en que vivimos sexa mellor para todos e todas”, ao tempo lles brindou a axuda e as ideas de todos os Consellos Locais da Infancia e a Adolescencia de Galicia para avanzar “nun camiño no que aínda queda moito por facer”. A portavoz do CLIA de Moeche rematou a súa intervención pedindo “que se fale máis e se faga máis polo noso rural” xa que, segundo asegurou, “queremos seguir vivindo nas nosas aldeas e ter acceso a recursos e servizos básicos”.

O Pleno Infantil do 20N celebrarase o martes 22
O Día Internacional da Infancia, o 20 de novembro, cae este ano en domingo. Por esta razón o Concello convocou o Pleno Infantil para as 12:15h do martes 22. Na sesión informarase da incorporación dun novo membro ao CLIA e ao Grupo de Participación Infantil e da Adolescencia e tamén se repasarán as accións desenvolvidas nos últimos meses. Ademais presentaranse as conclusións do alumnado do CEIP San Ramón -3º, 4º, 5º e 6º- ao respecto dos traballos feitos nas aulas sobre saúde mental. Na recta final do pleno lerase o Manifesto da Infancia e a Adolescencia 2022 consensuado no Sétimo Encontro Estatal de Consellos de Participación infantil e adolescente. Trala sesión, as nenas e nenos colocarán no Concello e no CEIP as caixas de suxestións decoradas polo grupo de participación durante unha das súas últimas xuntanzas mensuais.