A crise sanitaria xerada pola Covid-19 mudou moitas as rutinas de toda a sociedade e moi especialmente dos nenos e nenas, pero o que non mudou foron as ganas da rapazada de compartir, participar e traballar por unha sociedade mellor. O pasado 17 e o 31 de outubro reuníronse -de xeito virtual- logo do descanso do verán, uns para participar no VI Econtro estatal de Consellos locais da infancia e adolescencia e todas para organizar o plan de traballo de cara ao encontro virtual co Parlamento de Galicia o 17 de novembro e a conmemoración do Día da Infancia o 20 de novembro.
Estas primeiras xuntanzas coincidían coa participación de Marta Lois o día 17 e Carlos Bouza e Zeltia Pedreira o día 24, como representantes da rapazada de Moeche no VI Encontro de Consellos locais de Participación Infantil e Adolescente. Un total de 192 nenas, nenos e adolescentes de 74 consellos locais de participación reuníronse -esta vez en formato online- para reflexionar sobre o impacto da Covid-19 nas súas vidas e dereitos, e o papel que xogan eles á hora de garantir o seu cumprimento.
A rapazada asistiu en representación das nenas, nenos e adolescentes de todo o territorio, divididos por idades, durante as fins de semana do 16 e 17 (adolescencia) e 23 e 24 (infancia). Esta xuntanza, malia que atípica polo seu formato adaptado ao contexto que estamos a vivir, non foi impedimento para que puidesen debater e facer propostas sobre os retos máis importantes da actualidade: pobreza, desigualdade, cambio climático, saúde ou educación. As súas conclusións e propostas recóllense no Manifesto da Infancia e Adolescencia 2020 que será presentado polo Consello Local da Infancia e Adolescencia de Moeche ao Concello o vindeiro 20 de novembro, no Pleno infantil (virtual) que terá lugar co gallo do Día Mundial da Infancia.
O grupo modestino leva xa dúas fins de semana traballando en diferentes temas e accións participativas así como na adaptación das conclusións do Manifesto ao contexto galego para a súa intervención no Parlamento o 17 de novembro, alí centraranse na acción do clima, e máis concretamente na relación entre saúde e benestar e medio ambiente, auga limpa e saneamento, as enerxías limpas e sostibles, a produción e consumo responsable, acción polo clima, vida submarina e a conservación da biodiversidade terrestre son os principais puntos sobre os que versarán as súas propostas. De seguro nos vindeiros días teremos novas sobre estas propostas, estade atentas ?
Aquí podedes consultar e descargar o manifesto Manifesto encontro estatal 2020
E aquí o vídeo do encontro estatal VÍDEO ENCONTRO ESTATAL
Últimos comentarios