O CEIP San Ramón acolle este luns, o 8 de setembro, o comezo dun novo curso. Empeza a escola cun total de 50 alumnas e alumnos, 11 no ciclo de Educación Infantil e o resto nos cursos de Educación Primaria. A rapazada encherá a escola de risas, parolas, alegría, será día de presentacións, de atoparse de novo cos compañeiros e compañeiras, co profesorado… e para este comezo o Concello, nas últimas semanas, desenvolveu labores de mantemento e melloras cara ao curso 2025-2026, con reparacións dentro e fóra do recinto.
O alumnado do CEIP San Ramón ten por diante case nove meses de calendario que, na práctica, se verán rebaixados en máis de 25 días entre vacacións e xornadas non lectivas, incluída a do festivo local do San Xurxo, 23 de abril.
Nas últimas semanas o Concello acometeu as tarefas de acondicionamento e mantemento da escola para darlle inicio ao novo curso. O persoal da área de Obras e Servizos realizou traballos na parte exterior do colexio, o amaño dos accesos, segado das zonas verdes, desaugue do invernadoiro, renovación de pezas dos xogos, limpeza dos colectores do lixo, retirada de follas, limpeza dos canos de desaugue na zona de xogos deportivos, limpeza e posta punto da caldeira de calefacción, adaptouse a entrada da porta da caseta dos xoguetes para evitar a acumulación de auga cando chove.
No caso das dependencias interiores da escola, os labores de acondicionamento centráronse en pintado de diferentes zonas en varias aulas que presentaban danos polo uso diario- aulas de música e infantil- ou por humidades causadas pola filtracións da cuberta, pintado das portas das zonas de secretaría, dirección e fotocopiadora, retirada de libros e mobiliario antigo, colocación de encerados, novas canaletas para o cableado, limpeza de ventás , etc.
O Concello solicitou unha revisión e un informe técnico da Consellería de Educaciónen relación con algunhas zonas da escola deterioradas e reitérase a necesidade de darlle resposta a unha das demandas do centro como é a instalación dunha estrutura de peche na parte dianteira do colexio con nova porta exterior que axude a conservar a calor da calefacción no inverno.
No Consello Escolar que terá lugar nos primeiros días de curso daranse conta dos traballos realizados e das cuestións menores que quedan pendentes de concretar co centro, así como as actividades extraescolares que se ofrecerán e as actividades culturais-contacontos, teatro e obradoiros- que desde o Concello se trasladarán á escola.








Últimos comentarios