Os Concellos da provincia da Coruña subscribiron este martes na sede da Deputación os convenios relativos á Rede Cultural 2018, que pon a disposición de municipios e entidades socioculturais unha chea de propostas musicais, de teatro, danza, maxia e creación audiovisual estruturadas nos programas Escena ao vivo, Visións, Alicerce e Lingua a escena. O ente provincial destaca que ao longo deste ano se promoverán a través da Rede cerca de 1.800 espectáculos cos que tamén se contribúe a fortalecer o tecido creativo da provincia, tanto profesional como amador. No caso do Concello de Moeche serán 17 actuacións repartidas entre a programación municipal e aquela que desenvolven as asociacións, con opción tamén a solicitar actuacións do catálogo da rede.

Tras ser reorganizada o pasado ano arredor dos programas “Escena ao Vivo” -para profesionais do teatro, monicreques, maxia e danza- o circuíto de cinema e contidos audiovisuais “Visións”, e a categoría non profesional para grupos de música, danza e teatro “Alicerce”; a Deputación da Coruña incorporou como novidade para esta edición da Rede Cultural o programa “Lingua a Escena!”, unha nova categoría profesional que está orientada á promover espectáculos de música, teatro, danza, narración oral ou monicreques, onde a dinamización social da lingua galega é a grande protagonista.

Tal e como se destaca desde o propio organismo provincial, o balance das edicións anteriores e o do inicio do programa da Rede Cultural “mostra uns importantes datos de asistencia e participación que reafirman a necesidade de potenciar o mundo da Cultura e confirman o grande interese da veciñanza por uns espectáculos que dinamizan a vida cotiá das vilas e dos pobos galegos”.

O Concello de Moeche deseñou unha completa axenda neste sentido, incorporando espectáculos da Rede Cultural á súa propia programación, complementaria da que organizan as entidades do municipio. No caso das solicitudes municipais á Rede -15 en total- o orzamento dos cachés ascende a cerca de 17.500 euros, dos que o 75% -uns 13.000- serán asumidos pola Deputación. “A Rede é un recurso moi importante. A través dela podemos acceder a un catálogo amplo de actividades, buscar as que se axeiten aos distintos públicos e programalas cun menor esforzo económico. Garantimos así unha programación estable ao longo do ano que en moitos casos é compartida coas asociacións”, explica Beatriz Bascoy.

A próxima actuación encadrada na Rede Cultural da Deputación será o Brinca Vai! de Paco Nogueiras, o artista do chapeu azul que arrastra tras do seu espectáculo musical a centos de rapazas e rapaces, que na súa maioría teñen na casa o libro-disco publicado por Kalandraka. Actuará no Castelo de Moeche o sábado 26 de maio a partir das 19.30h. con entrada gratuíta para a rapazada e a 2€ para persoas adultas. Quen posúa o Carné Xove ou quen pase de 65 anos só deberá pagar 1€. O espectáculo encádrase dentro da programación das Letras Galegas e o aforo é limitado.

As actividades solicitadas  polo Concello e as entidades á Rede Cultural son as seguintes. Cómpre ter en conta que algunhas datas poden verse modificadas:

Espectáculo

Data

Lugar

O Mellor mago do Mundo co Mago Romarís 18/03/2018 Mercado Municipal
“Brinca Vai!” con Paco Nogueiras 26/05/2018 Castelo de Moeche
Teatro: “Hotel Don Pío”

Donas de Amistad -Santa Mariña, Ferrol

23/06/2018 AVV Val de Moeche
Teatro: “A Porta aberta no Castelo de Moeche”

con Os Quinquilláns

29/06/2018 Castelo de Moeche
Cine: “Gru 3, Mi villano favorito” 14/07/2018 Área recreativa de Soutogrande
Música e baile con Pesdelán 28/07/2018 Área recreativa de Soutogrande
Música: Tanxugueiras 18/08/2018 Festival Irmandiño
Música: Os Viqueiras de Ordes 18/08/2018 Festival Irmandiño
Música: No Cómbaro 19/08/2018 Festival Irmandiño
Cine: “Arrugas” 29/09/2018 Centro cultural Francisco Piñeiro
Música: Grupo de música e danza Alxibeira 06/10/2018 Mercado Municipal
Teatro: “Eu queríame casare” 20/10/2018 Centro cultural Francisco Piñeiro
Música: Tres Pesos Folk “Acta Fundacional” 27/10/2018 Castelo de Moeche
Teatro: “Reinserción” da AC A Pombiña 28/10/2018 Nave do Ventoeiro
Música: Corral Poliafónica do Aturuxo de Melpómene 17/11/2018 Local social de Labacengos
Maxia: Martín Camiña 01/12/2018 Centro cultural Francisco Piñeiro
Contacontos: “Que morro!” con Caxoto contacontos 21/12/2018 Local social de Abade