A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, achegouse esta mañá ata Moeche para coñecer con máis detalle o proxecto CEDES Rural TIC deseñado polo Concello para converter unha parte do recinto feiral nun polo tecnolóxico que contribúa á dinamización económica e social do territorio. A iniciativa obtivo unha achega de 1.1 millóns de euros dos fondos estatais para a Transición xusta, dirixidos a municipios que, coma o noso, están afectados polo proceso de descarbonización de antigas centrais térmicas. A axuda, a máis elevada da comarca para un único proxecto, permitirá  segundo Rivas “fixar poboación e avanzar tecnoloxicamente e na dixitalización das empresas”. A subdelegada tamén destacou que as actuacións recollidas no plan municipal son “a mellor maneira de aproveitar os fondos”. Beatriz Bascoy, pola súa banda, cualificou o proxecto como “moi ambicioso” pola súa envergadura económica, polo seu contido e polas repercusións que vai ter para o desenvolvemento local. Porén, antes de achegarse á nave que será obxecto de remodelación, a alcaldesa e a subdelegada mantiveron unha xuntanza durante preto dunha hora na que Bascoy tamén tratou con María Rivas outras cuestións de interese para o Concello, como son o depregamento eólico, o tren ou a extensión da banda larga.

O proxecto denominado Centro de Dinamización Económica e Social Rural TIC “CEDES Rural TIC” remodelará a nave dos cabalos do recinto feiral de San Ramón e tamén reurbanizará os seus arredores para crear dous novos espazos públicos que sexan a un tempo máis accesibles e lugares de encontro nos que mesmo poder desenvolver espectáculos e actividades ao aire libre.

No que se refire á nave, a intervención incluída na solicitude da subvención estatal prevé substituír a cuberta -igual que se fixo xa noutras dependencias- e eliminar a maior parte das paredes, deixando un grande espazo diáfano flanqueado por dez locais con distintas superficies, oito deles pensados como oficinas de coworking e para as entidades do municipio e os outros dous como salas de formación e reunión.  Un destes locais acollerá unha aula TIC totalmente equipada mentres que o outro se dedicará a centro de teletraballo público e gratuíto.

Ademais da infraestrutura construtiva e o equipamento, o edificio tamén levará modernos sistemas de conexión sen fíos de alta velocidade mediante tecnoloxía LoRawan e, de cara á súa eficiencia enerxética, contémplase a instalación de ata 24 paneis solares fotovoltaicos.

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, destacou que o CEDES Rural TIC, cuxo custe ascende a 1.123.556,43 euros, “vai ter unha repercusión importante” en termos de dinamización social e económica “para o conxunto da poboación” e como aliciente para a fixación de poboación “que é un dos retos máis importantes que temos as Administracións”.

Bascoy engadiu que se trata dun proxecto “moi ambicioso” que proporá solucións tecnolóxicas novidosas relacionadas coa IoT (a Internet das Cousas). “Vaise instalar unha rede de conexión que, por exemplo, permitirá que o sector gandeiro monitorice as granxas a distancia, ou que as persoas que vivan soas, se queren, poidan ter un apoio e un seguimento a través desta tecnoloxía. Tamén vai haber un centro de teletraballo público e gratuíto, o segundo de Galicia, unha aula homologada e, ademais, desde o concello estaremos obrigados a ter un plan anual de eventos, feiras e encontros que vai repercutir no conxunto de Moeche. As obras son fundamentais, pero o máis importante é o seu contido”.

A asignación a Moeche dos fondos europeos canalizados polo Estado tamén permitirá continuar coa modernización da feira de San Ramón, onde desde 2016 xa se levan investidos máis de 800.000 euros. “Esta axuda da Transición xusta é a máis importante de todas cantas recibimos até o momento”, dixo Beatriz Bascoy, precisando a continuación que o Goberno local ten intención de levar a cabo máis actuacións no recinto a medida que se vaia obtendo  financiamento para elas. En fases seguintes acometeríase a rehabilitación da coñecida como nave das ovellas, crearíase un espazo de tendas temporais “pop-up”, reurbanizaríase toda a contorna  e construiríase a pista ecuestre “que é unha demanda do mundo do cabalo”. Segundo os  anteproxectos “xa deseñados e aprobados”, o investimento na transformación da feira superaría os 3,6 millóns de euros.

Un proxecto que deberá estar listo no prazo dun ano
Ao remate da súa visita a Moeche, a subdelegada do Goberno na Coruña manifestou levar unha impresión “moi positiva” dun proxecto perfectamente aliñado coa filosofía dos convenios da Transición xusta que, en palabras de María Rivas,  “pretenden que os concellos afectados polos procesos de descarbonización teñan unha alternativa e que ademais senten as bases do presente e do futuro. Moeche e os concellos dos arredores  van ter aquí un polo de atracción de desenvolvemento rural aproveitando as sinerxias que xa hai na zona. Non hai mellor maneira de aproveitar estes fondos para fixar poboación, avanzar tecnoloxicamente e na dixitalización das empresas”.

Rivas explicou que a proposta de adxudicación dos fondos para os municipios beneficiarios se elevará a definitiva  “en cuestión de días” e que a partir dese momento comezará o proceso administrativo e técnico para executar as obras de maneira “inminente”.

Beatriz Bascoy acoutou aínda máis o cronograma explicando que o primeiro paso, á volta dunhas semanas, será licitar a redacción do proxecto e posteriormente abrir o procedemento para contratar as obras. “Contamos que poidan estar en marcha á volta do verán e que o novo centro quede listo no primeiro trimestre de 2024”.

Eólicos, tren e fibra
A visita á nave dos cabalos estivo precedida dun encontro na Casa do Concello onde a rexedora local solicitou da representante estatal “máis información” sobre as previsións do despregamento eólico no municipio, principalmente as relativas ao P.E. Moeche que obtivo luz verde ministerial hai escasas semanas. “Seguimos sen ter resposta ás alegacións presentadas, aínda que unha parte delas si as vimos recollidas no documento de aprobación da declaración de impacto ambiental. Ademais precisamos saber cales son os seguintes pasos que a empresa e o Estado van dar en relación con este proxecto e coñecer se hai máis parques de proxima tramitación que poidan afectarnos”, comentou Beatriz Bascoy.

A alcaldesa tamén lle trasladou a María Rivas as queixas “polo trato pouco respectuoso que está tendo a empresa promotora co Concello e coa veciñanza” e reiterou o posicionamento  municipal “a favor da eólica sempre e cando se instale racionalmente, con compensacións axeitadas e sen acabar co noso medio de vida nin tampouco arrasar coa nosa riqueza ambiental e paisaxística”.

No encontro entre Beatriz Bascoy e María Rivas a rexedora tamén volveu demandar un transporte ferroviario “de calidade” que dispoña de equipamento moderno, dun plan de mantemento das infraestruturas “efectivo” e de frecuencias “puntuais e ampliadas que respondan ás necesidades da veciñanza” porque, tal e como asegurou Beatriz Bascoy “a perda de viaxeiras e viaxeiros débese á falla de mantemento e á irregularidade nos horarios. O argumento da perda de usuarias lévase repetido moito nos últimos anos para xustificar o seu desmantelamento progresivo. Pero o certo é que se o tren funciona ben, a xente úsao”.

A terceira cuestión tratada pola alcaldesa e a subdelegada centrouse na extensión da banda larga no territorio municipal. A este respecto, Beatriz Bascoy comentou que o plan de instalación de cables de fibra óptica “está deixando algúns domicilios sen opción de conectárense ao servizo a pesar de que a rede pasa pola zona”. Sobre este asunto María Rivas informou á alcaldesa que estas incidencias se corresponden con plans de despregamento adxudicados ás operadoras en anualidades anteriores -a zonificación ía por núcleos, mentres que agora se fai por referencias catastrais- e que, en calquera caso, a intención do Goberno do Estado é garantir o acceso de alta velocidade a toda a poboación.  Rivas avanzou que a través da última adxudicación do plan de Banda Larga se lles vai facilitar a posibilidade de conexión a máis de 300 vivendas de Moeche.