O Día das Letras Galegas deste ano 2023 está dedicado ao intelectual Francisco Fernández del Riego (1913-2010), figura clave na historia de Galicia que foi parte do movemento cultural e político galeguista anterior ao golpe de estado do 36 e que despois, durante a ditadura e ata a súa morte, continuou desenvolvendo un importante activismo a través da cultura como membro da Real Academia Galega, impulsor do propio 17 de maio ou como fundador da editorial Galaxia. As entidades de Moeche e o Concello prepararon varias propostas para renderlle tributo e, máis que nada, para celebraren a festa da nosa fala e da nosa cultura. Hai un pouco de todo: música, exposicións, teatro e mesmo unha viaxe a terras ourensás.

Do 12 ao 31 de maio, no castelo de Moeche: Exposición de cadros da AVCR Val de Moeche e mostra sobre o autor
Durante a segunda quincena deste mes maio poderemos ver no castelo unha escolma dos cadros feitos polo alumnado do curso de pintura organizado pola asociación veciñal do Val de Moeche. A exposición compartirá espazo cunha mostra organizada polo Concello coas obras de Fernández del Riego dispoñibles na Biblioteca Municipal tanto para préstamo como para consulta.

Desde o departamento de Cultura tamén se anima á veciñanza a descubrir a figura homenaxeada este ano co gallo das Letras Galegas a través da web da RAG e lendo a súa obra -de grande valor, sobre todo a centrada na recuperación histórica da literatura galega-, así como a doutras autoras e autores que escribiron sobre Don Paco e o seu legado cultural.  Especialmente recomendable é a serie de vídeos publicados pola Real Academia Galega arredor das súas múltiples facetas, xunto co apartado Primavera das Letras, que ofrece unha chea de actividades para a rapazada.

Martes 16 de maio, 21:00h contorna do castelo: Foliada Irmandiña
A asociación organizadora do Irmandiño proponnos un adianto musical para a véspera das Letras. No serán do martes armaron unha foliada aberta a gaiteiras e gaiteiros, acordeonistas, percusionistas, pandereteiras e pandereteiros…e a quen queira vir pasar un serán moi entretido no que tamén se sorteará unha pandeireta conmemorativa. Ademais servirán racións de paella ao prezo de 7€. Se viñese mal tempo, o evento trasladarase co mesmo horario á Nave do Mercado.

Mércores 17 de maio: Excursión a Celanova e Allariz coa asociación do Val de Moeche e teatro coa AVV de Labacengos
O propio día das Letras Galegas, a AVCR Val de Moeche organiza unha excursión que sairá ás 7:30h con destino a Celanova, para asistir á Festa e Romaría da Raigame e visitar as casas de Curros Enríquez e de Celso Emilio Ferreiro. Pola tarde a expedición achegarase a Allariz para percorrer a vila e a exposición paisaxística das montaxes participantes no Festival Internacional de Xardíns. Trátase dun certame único en todo o Estado que ocupa 40.000 metros cadrados das ribeiras do río Arnoia. Este ano participan 12 espazos que poderán visitarse desde este mes de maio até outubro.

Mentres, aquí en Moeche, a Asociación veciñal de Labacengos ofrecerá ás 17:00h no local do Ventoeiro a representación da obra “Nin o demo entende ás mulleres”. A peza é unha montaxe da Asociación Cultural e Teatral Pedroso que narra en clave de comedia lixeira a historia de Marina, unha moza que decide casar con Ramiriño a pesar dos consellos das súas irmás para que non o faga. A protagonista cre firmemente que o seu matrimonio é para toda a vida, pero as circunstancias que rodean ao seu marido farán que se atope con serias dificultades que poñerán a proba ese amor tan firme. A función é con entrada gratuíta e ao seu remate serviranse uns petiscos. Por esta razón fai falla anotarse ata o 15 de maio no 606 729 038.