Moeche completou a semana pasada as asembleas veciñais nas distintas parroquias co obxectivo de coñecer propostas e demandas colectivas. As asembleas desenvolvéronse na terceira e cuarta semana de xaneiro, como se recolleu no boletín Andaina, e remataron no local do Pereiro. No conxunto das cinco parroquias presentáronse un total de 26 propostas, na súa maior parte centradas en ampliación ou melloras de servizos e de infraestruturas básicas e algunha demanda a outras Administracións.
As achegas veciñais foron, en gran medida, cuestións puntuais doadas de solucionar dentro do programa xeral de mantemento do Concello, ou que se inserirán no proxecto do POS+ 2025 neste mes de febreiro. Outras requiren un estudo con máis detemento e tamén maiores recursos económicos que, se cadra, non fan posible unha solución inmediata a non ser con axuda doutras administracións, e para o que, nalgún caso, xa se están a presentar proxectos a recentes convocatorias de liñas de axuda, tanto da Administración autonómica como a estatal.
Parte das peticións recollidas polo equipo de Goberno refírense á rede viaria municipal, xa sexan asfaltados parciais, reparacións puntuais ou a danos causados polos labores de corta de madeiras. Un dos temas formulados foi o control das empresas que cortan madeira e os danos que causan nas pistas e camiños. Desde o Goberno municipal indicouse o seguimento que se fai, unha vez que as cortas son autorizadas pola Xunta de Galicia, da saca retirada da madeira polas vías municipais e os atrancos que teñen os concellos máis pequenos ante o incumprimento dos requirimentos realizados. Tamén houbo solicitudes para que se seguise ampliando a rede de abastecemento de auga potable e a de saneamento.
Así mesmo, trasladáronse demandas que afectan a outras Administracións principalmente á Consellería de Medio Rural , que desde o Concello xa se comunicaron, en concreto sobre o control de cumprimento das limpezas e cortas requiridas hai uns meses. Presentáronse tamén demandas competencia de entidades como a Igrexa, en relación coa conservación de parte do seu patrimonio no municipio. Neste sentido informouse que desde a Alcaldía se mantiveron varias reunións e comunicacións coa Igrexa e coa Dirección Xeral de Patrimonio, as últimas co fin de que se lle dese solución aos danos causados no exterior da igrexa de San Xurxo e que finalmente tiveron resposta e xa están restaurados os espazos danados.
Últimos comentarios