Falta xa moi pouco tempo para que Moeche volva renderlle tributo ás fabas, por tradición un dos produtos estrela do outono no noso concello. De feito, as feiras deste tempo eran referencia en toda a volta para vir mercar fabas de todas as castes e tamaños, ben de cultivo local ou ben traídas por comerciantes de fóra. O Concello de Moeche organiza o próximo 19 de outubro a VIII Feira da Faba co obxectivo de promocionar a plantación deste legume, que é unha opción ben interesante para diversificar e complementar a rendibilidade das actividades agrogandeiras, e manter viva unha tradición da historia da nosa feira.
O programa feiral está practicamente pechado e, como novidade, concentrarase entre as 10:00 e as 15:00h para coincidir co desenvolvemento do mercado dos sábados. Por iso, por cadrar co mercado, na nave de San Ramón atoparemos todo tipo de produtos frescos e elaborados -queixos, pan, verdura, doces, froita…- e, principalmente, fabas da máxima calidade traídas por pequenas explotacións da zona e doutras partes de Galicia. Ademais tamén haberá música e outras actividades paralelas para todas as idades. Entre as máis destacadas cóntanse cun obradoiro de elaboración de flores con folla de millo da man das Lolas da Cascarilla, a ruta pola historia da feira, a actuación do grupo tradicional Silbarda da Capela, o sorteo de lotes de produtos, o concurso de debagado de fabas e a degustación a prezos populares, das gorentosas e abundantes racións de fabada preparada pola AVV de Labacengos.
Programa da VIII Feira das Fabas de Moeche:
10:00h Apertura dos postos de exposición e venda de faba, ademais dos habituais de todos os sábados con produtos locais e artesanía.
11:00h Ruta pola historia da feira
12:00h Inicio do obradoiro de elaboración de flores con folla de millo.
12:30h Actuación do grupo de música tradicional Silbarda (a través do programa DinamizArtj)
12:30h Inicio da degustación de fabada (prezos populares)
13:15h Concurso de debagado de fabas para persoas adultas e rapazada.
14:00h Sorteo de lotes de produtos da feira.
Os boletos entréganse de balde por cada compra efectuada na xornada.
15:00h Clausura da feira.
Nesta oitava edición da feira das fabas de Moeche, o Concello conta coa colaboración de Dinamiz-Artj e da AVV de Labacengos.
Últimos comentarios