Hoxe martes, 27 de febreiro, o Diario Oficial de Galicia publica unha resolución da Xunta de Galicia pola que se mantén toda a parroquia de San Xurxo como zona infestada de Tecia solanivora Povolny, coñecida como couza guatemalteca da pataca. En consecuencia, segue a prohibición de plantar patacas na parroquia de San Xurxo durante o 2024. No resto das parroquias de Moeche, consideradas “zona tampón”, a venda de pataca para semente, o cultivo e o almacenamtento pode seguir facéndose, aínda que comunicándollo á Xunta de Galicia, tal e como veu ocorrendo nos últimos anos.
Os servizos de sanidade vexetal de Medio Rural detectaron de novo presenza das avelaíñas nas trampas colocadas en San Xurxo, pero non así nas situadas noutros puntos do territorio. A aparición de exemplares, segundo o protocolo de combate contra a praga, esixe como primeiro paso a eliminación controlada de todas as patacas. A principal medida de contención e erradicación que parece funcionar é prohibir o cultivo e o almacenamento, posto que as “tecias” só poden reproducirse na planta e só se alimentan de pataca.
Na provincia da Coruña tamén se mantén como zona infestada A Pedra, no concello de Cariño e, como novidade, decláranse estoutras na provincia da Coruña:
- As parroquias de Abegondo (Santaia), Cabanas (San Xián), Figueroa (San Miguel) e Sarandós (Santa María de Sarandós), no concello de Abegondo.
- As parroquias de Cañás (Santa Baia) e Paleo (Santo Estevo), no concello de Carral.
- As parroquias de Barallobre (Santiago) e Maniños (San Salvador), no concello de Fene
Como zonas tampón no noso concello establécense as parroquias de Labacengos, San Xoán e Santa Cruz, en todas elas elas si se poderá continuar plantando pataca.
A parroquia de Abade deixa de ser considerada como zonas tampón ao non estar incluída na actual
resolución e, polo tanto, considérase zonas libres de restricións en relación coa plantacion de patacas.
Para as novas zonas infestadas establécese un prazo de 20 días hábiles a partir de mañá mércores 28 para:
– Declarar as existencias de pataca almacenada
– Declarar as parcelas cultivadas
Pola súa parte as zonas tampón quedan obrigadas a efectuar comunicación de todas as parcelas cultivadas con pataca inmediatamente tras a sementeira e sempre antes do 1 de abril. Esta comunicación realizarase utilizando o modelo do anexo II da Orde do 6 de xullo de 2021, nos mesmos termos que os indicadas no punto 2.2.b).
O formulario que se deberá cubrir pode descargarse desde esta ligazón e despois haberá que presentalo, preferentemente, a través da Sede Electrónica da Xunta. Tamén se pode imprimir e rexistrar presencialmente no Concello para mandar a Medio Rural.
É importante que as persoas que opten por facer o papeleo no Concello traian canda si a copia da comunicación efectuada anteriormente para poder plantar co fin da axilizar o traballo do persoal municipal. Na comunicación hai que indicar os datos persoais, a localización exacta das plantacións cos datos SIXPAC do polígono, parcela, recinto, superficie total, superficie sementada e a variedade que se poña no terreo.
Resolución de actualización de zonas. DOG 27 de febreiro de 2024
Orde do 6 de xullo de 2021
Últimos comentarios