A Consellaría do Medio Rural e a Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia organizan un curso sobre plantacións de castiñeiro para froito, que se desenvolverá o luns 18 de outubro a partir das 16:00h no Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade. Nesta acción formativa veranse cuestións básicas relacionadas co deseño e planificación de novos soutos, pero tamén se falará dun produto con grande potencial económico cuxo cultivo pode combinarse con outras actividades, como o aproveitamento micolóxico ou o pastoreo. Para anotarse hai que cubrir este formulario e envialo por correo electrónico a info@castanadegalicia.org.

Galicia, malia a súa tradición -sobre todo na zona oriental- non consegue abastecer un mercado crecente da castaña que vai máis aló do consumo en fresco e estacional do outono. Hai moita demanda deste froito para fariña, para conserva, para desecar ou conxelar. Incluso fai falla para a alimentación dos porcos, que seica dán unha carne máis saborosa se se incorpora a castaña á súa dieta e se se crían en rexime de semiliberdade.

En resume, a castaña véndese ben, moi ben, pero faltan castiñeiros que na nosa comarca foron desaparecendo en virtude do eucalipto, a pesar de que o rendemento económico por hectárea da castaña é sostido ano a ano, ademais de poder complementarse coa recollida de cogomelos ou co silvopastoreo.

Neste sentido, a IXP Castaña de Galicia e a Consellaría do Medio Rural organizan unha xornada formativa que se desenvolverá no Centro Cultural Francisco Piñeiro de Abade o luns 18 de outubro entre as 16:00h e as 20:00h. Explicaranse os aspectos básicos para a posta en marcha dunha plantación de castiñeiro: preparación do terreo, fertilización, variedades e portaenxertos, marcos de plantación axeitados para facilitar a mecanización  e a apertura da copa, as podas de formación, as pragas e enfermidades ás que cómpre prestarlles atención, as medidas sanitarias para previlas ou reducir as súas repercusións…, etc.

O curso é gratuíto e require inscrición previa cubrindo o modelo de formulario descargable nas ligazóns de algo máis abaixo, que logo se deberá cuberto ao correo info@castanadegalicia.org. Esta acción formativa diríxese, prioritariamente, a persoas vinculadas coa agricultura e/ou a gandaría, a actividade forestal ou a xente moza que queira incorporarse ao sector primario.

Modelo de solicitude en .odt
Modelo de solicitude en .docx
Cartel do curso
Folla informativa co programa