A actualización das listas de contratación temporal dos postos de condutor/a-operario/a e de peón de obras e servizos municipais está en marcha como é habitual a comezos de cada ano. As bolsas de emprego renóvanse anualmente desde a súa creación, en 2017, para que as persoas que cumpran os requisitos e desexen incorporarse, así como aquelas que xa forman parte delas, poidan incorporar novos datos, dese xeito, mellorar a súa puntuación. A principal función desta listaxes é axilizar a incorporación de persoal ara cubrir, por exemplo, baixas laborais ou vacacións. A quenda de actualización deste 2022 comezou o 15 de xaneiro e rematará o 14 de febreiro. As instancias pode presentarse presencialmente na Casa do Concello ou ben a través da Sede Electrónica. 

O BOP núm. 64 de 4 de abril de 2017 recolleu a publicación das bases que rexen o proceso de actualización das bolsas. O texto publicado establece tanto os requisitos xerais como os particulares que se deben de cumprir para acceder a cada unha das dúas bolsas. Todos os requisitos hai que cumprilos tanto no momento de presentar as solicitudes como despois, no momento en que se chame a calquera aspirante para traballar. As bases polas que se rexe este proceso de actualización das bolsas non varían de ano en ano desde que se publicaron.

Para formar parte tanto da bolsa de peón como para a de condutor, é necesario:
– Ter nacionalidade española ou dalgún Estado membro da UE, ou ben contar con residencia legal en España.
– Ter polo menos 16 anos de idade,
– Dispor da titulación esixida para cada posto;
– Non atoparse nunha situación de enfermidade ou eiva física que impida o normal desempeño do traballo. Neste sentido, nas solicitudes é preciso facer constar se se conta con algún grao de discapacidade.
– Non encontrarse en ningunha causa legal de incapacidade ou incompatibilidade nin tampouco constar expedientes disciplinarios ou de inhabilitación para o exercicio de funcións nas administracións públicas.

Ademais destes, no caso da praza de condutor/a operaria/o hai que ter o título da ESO ou equivalente, estar en posesión do CELGA 3, contar con permiso de conducir C e dispor do certificado de aptitude profesional (CAP). Para a lista de contratación de peonaxe de obras e servizos abonda con ter o título de graduado escolar ou equivalente, ter o CELGA 2 e o permiso de conducir B.
Deberanse presentar fotocopias compulsadas de toda a documentación acreditativa que se esixe, así como dos méritos que se desexen engadir para incrementar a puntuación ademais do modelo de formulario que aparece no BOP.

A comisión cualificadora avaliará as solicitudes admitidas e o Concello publicará a lista coas novas incorporación e puntuacións na sede electrónica do Concello e no taboleiro de edictos do Concello.

O Concello de Moeche utiliza a bolsa de emprego para facer contratacións temporais para postos que estean vacantes ou para nomeamentos interinos en substitución de persoal con dereito a reserva do posto por motivo dunha incapacidade temporal, unha baixa por maternidade, vacacións e outras situacións.

Apertura prazo de actualización

BOP bases reguladoras2017_0000002680.pdf (dicoruna.es)